Actividades

Sábado, 12 de Xullo de 2025

2025/12/07: O Concello da Coruña anuncia a concesión do Proxecto Coruña Verdea




O Concello da Coruña anunciou a resolución provisional favorable da Fundación Biodiversidad para o financiamento do proxecto CORUÑA VERDEA, no marco da convocatoria destinada á renaturalización das cidades. A achega prevista, de 2 millóns de euros, permitirá impulsar actuacións orientadas á creación e ampliación de áreas verdes, á mellora da biodiversidade urbana e ao desenvolvemento de corredores ecolóxicos en distintos barrios da cidade.
 
CORUÑA VERDEA ten como obxectivo impulsar a renaturalización urbana e o desenvolvemento da infraestrutura verde e azul da Coruña mediante a restauración de espazos verdes urbanos, a promoción da fauna local, a creación de corredores ecolóxicos entre a trama urbana e periurbana e a implantación de sistemas urbanos de drenaxe sostible. Entre as actuacións previstas inclúense intervencións en ámbitos como o Parque Carlos Casares, o ENIL Torre de Hércules, o parque de Eirís, o Parque de Oza, o Parque de Vioño, a Sagrada Familia e o Agra do Orzán.
 
Desde unha perspectiva técnico-estratéxica, esta resolución reforza o papel da infraestrutura verde como ferramenta de planificación urbana para integrar biodiversidade, adaptación ao cambio climático, conectividade ecolóxica e mellora da calidade ambiental nos espazos urbanos.
 
O proxecto desenvólvese en colaboración co IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) da Universidade de Santiago de Compostela, que contribúe desde o ámbito técnico-científico ao seu enfoque estratéxico e á definición de actuacións vinculadas á infraestrutura verde e á renaturalización urbana.

NOVA:
 
Este venres, no Pleno municipal, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, anunciou que a Fundación Biodiversidade vén de comunicar ao Concello a resolución provisional afirmativa na convocatoria de fondos para proxectos orientados á renaturalización de cidades.
Neste sentido, o Goberno de Inés Rey obterá 2 millóns de euros para acometer as intervencións do programa Coruña Verdea, que contempla 12 accións en barrios como Monte Alto e a Sagrada Familia, entre moitos outros, para mellorar a biodiversidade e crear corredores ecolóxicos que permitan gañar espazos verdes e novos pulmóns na paisaxe urbana da cidade, especialmente en distritos cunha maior densidade.
 
 
O proxecto CORUÑA VERDEA; Natureza, Conectividade e Benestar. Proxecto de renaturalización, mellora da biodiversidade e creación de corredores ecolóxicos urbanos para a consolidación da Infraestrutura Verde da Coruña conta coa financiación da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, no marco do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), financiado pola Unión Europea.
2025/12/07: O Concello da Coruña anuncia a concesión do Proxecto Coruña Verdea