Luns, 18 de Xullo de 2022

2022/07/18: Inaugurado no IBADER o Curso de Verán Producións non Madeireiras e Servizos do Monte Galego


Esta mañá inaugurouse na sede do IBADER o Curso de Verán da USC "Producións non Madeireiras e Servizos do Monte Galego", dirixido polo profesor D. Antonio Rigueiro Rodríguez, que durante catro días, entre o 18 e o 21 de xullo, contará coa participación de expertos/as que durante eses días impartirán leccións nas que se analiza a importancia dos produtos non madeireiros e dos servizos ou externalidades máis importantes que o monte galego presta á sociedade: Cogomelos, mel, pastos, resina, plantas medicinais, froitos e sementes de árbores, froiteiras arbustivas, paisaxe, sumidoiro de carbono, uso recreativo, conservación de chans, calidade das augas, conservación da biodiversidade..., dándoos a coñecer e poñéndoos en valor.
 
Nesta primeira xornada, tralo acto de inauguración, presidido polo Vicerreitor de Organización Académica e Coordinación do Campus de Lugo, D. Francisco Fraga, e que contou coa presenza de representantes do Concello, a Deputación e o IBADER, así como da recentemente nomeada Directora da EPSE, Dna. Rosa Romero Franco, impartíronse durante a mañá senllas conferencias adicadas aos sistemas agroforestais, por parte do profesor D. Antonio Rigueiro, Dr. Enxeñeiro de Montes, Catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e da Dra. Enxeñeira de Montes Dna. Nuria Ferreiro Domínguez, Investigadora Distinguida do mesmo Departamento. A xornada completouse na sesión da tarde coas intervencións de D. Santiago Pereira Lorenzo, Dr. Enxeñeiro Agrónomo, Catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e Dna Belén Díaz Hernández, Dra. Enxeñeira Agrónoma, Profesora Contratada Doutora do mesmo Departamento, que falaron, respectivamente, de froiteiras arbóreas e arbustivas. 
 
Neste curso, organizado pola  Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e financiado pola Deputación de Lugo e o IBADER, están inscritos/as un total de 26 alumnos/as, maioritariamente estudantes ou titulados/as da USC (20).



2022/07/18: Inaugurado no IBADER o Curso de Verán Producións non Madeireiras e Servizos do Monte Galego
Compartir
 
Voltar