A Xunta adxudica por case 85.000 € o primeiro dos traballos para restaurar os hábitats das illas cíes, ons e sálvora no marco do proxecto transnacional ‘LIFE insular’. A actuación consistirá na retirada de especies exóticas invasoras nos tres arquipélagos e a súa execución estenderase ata decembro do ano que vén. O obxectivo principal da iniciativa, con participación galega, canaria e irlandesa, é implementar unha estratexia de conservación sostible das dunas costeiras e dos queirogais secos presentes en espazos insulares atlánticos pertencentes á Rede Natura 2000 co reto de reverter a situación da súa paisaxe á de fai 70 anos.
A Xunta acaba de adxudicar por un importe de case 85.000 euros o servizo para eliminación de especies exóticas invasoras no Parque Nacional marítimo-terrestre das illas atlánticas de Galicia. Trátase da primeira das actuacións que se impulsan no marco do chamado LIFE Insular, un proxecto transnacional cunha vixencia prevista de 5 anos e que ten como fin acadar a restauración integrada dos hábitats insulares dos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora.
A través da iniciativa LIFE Insular minimizarase o impacto de posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación —risco de vendavais, erosión eólica catastrófica...— e buscarase tamén unha recuperación da paisaxe natural destas illas co reto de “reverter” a situación á que había 70 anos atrás.
Cun orzamento de máis de 5,2 millóns de euros a executar ata 2026, á Xunta corresponderanlle case 750.000 euros, dos cales 300.000 euros irán destinados a gastos en investimentos; mentres que a USC terá un financiamento asignado de 1,08 millóns como beneficiario coordinador.