Mércores, 22 de Marzo de 2023

2023/03/23: O IBADER participa na avaliación do impacto dos parques eólicos sobre as turbeiras de cobertor en Europa


Investigadores do IBADER do Campus Terra de Lugo, xunto a membros da Nottingham Trent University e da Loughborough University, obtiveron por primeira vez unha cartografía para valorar a extensión das infraestruturas asociadas á instalación de parques eólicos, como as turbinas ou as pistas de acceso, sobre as turbeiras de cobertor en Europa. O traballo ven de ser publicado no número 13 de Scientific Reports, prestixiosa revista internacional do grupo Nature, que publica en Open Access investigacións orixinais de todas as áreas das ciencias naturais ao abeiro da súa validez científica (en troques do impacto ou importancia percibidos), e que se ten convertido na revista máis importante do mundo por número de artigos publicados, sendo a quinta revista máis citada do mundo no ano 2021, recibindo unha ampla atención nos documentos políticos e nos medios de comunicación.

As turbeiras de cobertor son un tipo de ecosistema natural que adoitan situarse nos cumios de sistemas montañosos atlánticos con elevadas precipitacións e baixas temperaturas, rexistrándose as maiores extensións en Irlanda e Reino Unido, e con pequenas representacións en Noruega, Francia, Austria, Suecia, Portugal e España (onde a maior parte destes hábitats se presenta en Galicia). Cabe salientar o importante papel que as turbeiras de cobertor xogan na conservación da natureza, xa que son consideradas un tipo de hábitat de conservación prioritaria a nivel europeo (o que supón unha especial responsabilidade con respecto á súa protección), proporcionando importantes servizos ecosistémicos (albergan unha salientable biodiversidade, son importantes reservorios de auga, e teñen un rol fundamental no ciclo hidrolóxico como filtro natural contribuíndo á mellora da calidade da auga). Ademais, funcionan como sumidoiros de carbono a longo prazo, revelándose como un dos compoñentes clave para a mitigación dos efectos do cambio climático, xa que teñen unha capacidade de secuestro de carbono ata dez veces maior que a das superficies arboradas.

Neste esceario, a instalación de parques eólicos sobre turbeiras de cobertor nos últimos 25 anos supón unha ameaza para o seu mantemento nun estado de conservación favorable, afectando á súa funcionalidade ecolóxica, ás condicións do solo, á biodiversidade do hábitat, e en definitiva á súa capacidade de almacenamento de carbono. A hipótese de partida do traballo xira en torno á idea de que, inda que a promoción da enerxía renovable é unha prioridade a nivel global, o establecemento de parques eólicos sobre os ecosistemas de maior valor de conservación (nomeadamente, as turbeiras de cobertor) en busca dunha enerxía máis sostible, podería estar socavando a transición enerxética e a revolución verde que a priori son un dos principais obxectivos das sociedades actuais. Polo tanto, existe unha urxente necesidade de avaliar os impactos que os parques eólicos producen sobre as turbeiras de cobertor, para garantir que os esforzos para cumprir os obxectivos enerxéticos non poñen en perigo a conservación do medio ambiente e a capacidade dos ecosistemas naturais para reter carbono a longo prazo.

O traballo avaliou o alcance dos desenvolvementos de parques eólicos en turbeiras de cobertor recoñecidas pola Directiva de Hábitats da UE, protexidas en moitos casos ao abeiro da Rede Natura 2000. Os resultados do traballo amosan que as turbeiras de cobertor máis negativamente afectadas en Europa pola instalación de parques eólicos son as situadas en Galicia (concentradas na súa maioría na Serra do Xistral), sobre todo en relación á reducida superficie que este hábitat presenta dentro da Comunidade Autónoma, en comparación con outros países nos que as turbeiras de cobertor son un compoñente principal das súas paisaxes. As turbeiras de cobertor galegas sufriron graves e importantes alteracións na súa superficie, como consecuencia da grande profusión de desenvolvementos de parques eólicos que se estableceron entre os anos 1999 e 2012, a pesares de que a maior parte dos emprazamentos foran incorporados á rede Natura 2000 dende 1999, e a pesares tamén das evidencias científicas, dispoñibles xa naquel momento tamén a través de traballos de investigadores do IBADER, advertindo dos riscos ambientais potenciais para estes ecosistemas tan vulnerables.

Inda que o dano potencial a longo prazo ás turbeiras de cobertor aínda non se coñece, existen sobradas evidencias dos impactos negativos do desenvolvemento dos parques eólicos sobre este hábitat prioritario, xa que representan un hábitat especialmente vulnerable, cuxo estudo debería priorizarse co gallo da súa protección e restauración en toda Europa.
 
Descarga o artigo eiquí



2023/03/23: O IBADER participa na avaliación do impacto dos parques eólicos sobre as turbeiras de cobertor en Europa
Compartir
 
Voltar