Venres, 12 de Xaneiro de 2024

12/01/2024: Plan de Conservación Brañas de Sada



ANUNCIO do 14 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Brañas de Sada, pertencente ao concello de Sada.

DOG 1. 2/01/2024
(Descarga: DOG).


Documento técnico:--------------------------
 
Ramil-Rego, P.; López Castro, H.; Oreiro Rey, C.; Ferreiro da Costa, C.; Vales Váquez, C.; Blanco Ballón, J. (2022). Plan de Conservación das Brañas de Sada. Lugo: IBADER-CEIDA (06/10/2022, 1-49 pp.) Documento sometido a participación pública (Anuncio 14/12/2023. DOG 1, 2/01/2024).  (Descarga: IBADER).

Texto de la disposción:---------------------

ANUNCIO do 14 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Brañas de Sada, pertencente ao concello de Sada.

As Brañas de Sada foron declaradas de xeito provisional Espazo Natural de Interese Local mediante a Orde do 27 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 28, do 11 de febreiro). Esta orde condicionou a súa declaración definitiva á presentación, por parte do Concello, dun plan de conservación. O Concello formalizou a súa remisión o día 21 de xaneiro de 2022.

No momento de iniciar os trámites para a declaración deste espazo estaba en vigor a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. Esta lei foi derrogada pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia. Esta lei recolle na súa disposición transitoria sétima, punto 2, que os procedementos administrativos en tramitación á súa entrada en vigor seguirán a tramitarse pola normativa vixente ao iniciar a súa tramitación. Por tal motivo, este plan tramítase ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

O día 7.12.2022 a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o acordo de inicio para a elaboración e tramitación do proxecto de decreto polo que se aproba o plan de conservación deste espazo natural.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre un plan, programa ou disposición de carácter xeral en relación a asuntos de carácter medioambiental.

Por outro lado, o artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que, con carácter previo á elaboración dun proxecto ou anteproxecto de lei ou de regulamento, realizarase unha consulta pública a través do portal web da Administración competente en que se recollerá a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca de:

a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa;

b) A necesidade e oportunidade da súa aprobación;

c) Os obxectivos da norma;

d) As posibles solucións alternativas regulamentarias e non regulamentarias.

En relación cos problemas que pretende solucionar, o plan de conservación, tras unha análise do espazo natural, determina as presións e ameazas que está a sufrir. O plan busca a redución destas presións e ameazas a través do desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos considerados como claves para a súa declaración como espazo protexido.

Visto o anterior, e conforme o establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público do documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Brañas de Sada, durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o documento base do plan na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/consulta-publica-previa/consultas-abertas

así como na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1. A través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

2. Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Documento base do Plan de conservación ENIL Brañas de Sada».

3. Mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
:-----------------------------------------------------------------------------------

 
12/01/2024: Plan de Conservación Brañas de Sada
Compartir
 
Voltar