Martes, 14 de Maio de 2024
2024/05/14: Presentación da monografía: Réxime xurídico dos coidados e o benestar animal
Réxime xurídico dos coidados
e o benestar dos animais
O IBADER publica o primeiro estudo integral da normativa de benestar e coidado dos animais en Galicia.
O traballo pretende ser unha guía de referencia práctica para profesionais e posuidores de animais e pódese descargar gratuitamente na web da institución.
A obra, titulada “Réxime xurídico dos coidados e o benestar dos animais”, é resultado dun traballo realizado por un equipo de xuristas coordinados polo maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Luís Villares, e integrado por Lucía Girón, fiscal de medio ambiente da Audiencia Provincial de Lugo, David Santos, Letrado de Xustiza no Xulgado de Instancia nº 5 de Lugo e Lucía Belver, Xefa do Servizo Xurídico da Consellería do Medio Rural en Lugo.
Na presentación, que tivo lugar o pasado xoves 9 de maio no Salón de actos do Vello Cárcere de Lugo, Pablo Ramil, director do IBADER, destacou o compromiso da Universidade de Santiago co desenvolvemento rural, plasmado na actividade do instituto, que conta cun importante fondo documental de investigacións nesta materia, da que pasa a formar parte tamén este estudo, que se poderá consultar e descargar gratuitamente por calquera persoa interesada.
Durante o acto, o maxistrado Villares destacou o carácter omnicomprensivo da obra, a primeira destas características publicada en Galicia, que aborda de xeito sistemático o réxime de coidados e benestar de todo tipo de animais. No estudo ocupa unha parte central o novo réxime de coidados dos animais de compañía, e servirá para resolver as dúbidas na aplicación da nova lei estatal e a súa coordinación coa galega, tanto para as persoas posuidoras de mascotas á hora de coñecer as súas responsabilidades, como para criadores, autoridades e servizos veterinarios. Por esta razón, indicou, sen renunciar ao rigor xurídico, adóptase unha linguaxe sinxela para calquera persoa e estrutúrase cun índice moi pormenorizado no que cadaquén poda atopar rapidamente a resposta ás súas dúbidas.
Pero o libro non estuda só animais de compañía, e aborda o benestar dos animais de granxas de produción, aspecto tradicionalmente esquecido, como lembrou a letrada Belver, e que ten unha gran importancia nun país como o noso, xa que Galicia conta cun sector primario que en avícola, bovino e porcino posúe unha das cabanas máis numerosas de todo o Estado. Máis aló diso, contémplase tamén o réxime de protección dos animais que son empregados para a docencia e a experimentación en universidades e empresas.
A fiscal Girón comezou a súa intervención salientando a contribución da obra á normalización da lingua galega no ámbito xurídico, e destacou como o estudo dos delitos de maltrato animal actualmente recollidos no Código Penal se ilustra maioritariamente con casos prácticos da provincia de Lugo, cuxos pronunciamentos foron nalgúns casos pioneiros na materia, algo que foi referendado no acto polo Letrado de Xustiza David Santos, que se ocupou dos aspectos procesuais das investigacións penais fronte o maltrato animal.
O acto, que foi conducido por Jesús Cantalapiedra, inspector veterinario da Xunta de Galicia, contou coa presenza de numerosas autoridades xudiciais e administrativas, como a presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, María Luísa Sandar, o fiscal Xefe da Audiencia Provincial, Roberto Breznes e a xuíza decana dos xulgados de Lugo, Olalla Díaz, así como membros do SEPRONA e do colectivo de veterinarios.
Descarga da monografía:
Enlace