Luns, 10 de Febreiro de 2025

ORDE do 4 de outubro de 2024 pola que se aproba a Estratexia galega da Infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas


 

Mediante a ORDE do 4 de outubro de 2024 (DOG 27, 10/02/2025) a Xunta de Galicia aprobou a Estratexia galega da Infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas.

A Unión Europea definiu a Infraestrutura Verde como «unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos. Incorpora espazos verdes (ou azuis no caso dos ecosistemas acuáticos) e outros elementos físicos de espazos terrestres (incluídas as zonas costeiras) e mariños. Nos espazos terrestres, a infraestrutura verde está presente nas contornas rurais e urbanas».

Os espazos naturais e seminaturais son clave para prover a sociedade de servizos esenciais como auga e aire limpos, alimentos, fibras, regulación hidrolóxica e servizos culturais e de lecer. Do mesmo xeito resultan esenciais para frear os efectos nocivos asociados ao cambio climático.

A Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas supón un cambio de paradigma na ordenación do territorio e un compromiso coa preservación da natureza polos beneficios que esta achega á sociedade e á sustentabilidade do planeta. Vai permitir reducir a rotura ou fragmentación de hábitats que albergan ecosistemas claves para o benestar da poboación, permitindo que se poidan restaurar espazos degradados por mor da contaminación ou da explotación incontrolada dos seus recursos.

A súa finalidade é crear unha rede territorial continua entres aqueles espazos de maior valor ambiental, paisaxístico e cultural, cunha planificación estratéxica que permita protexer a biodiversidade dos impactos negativos que xeran as actividades económicas e sociais dos asentamentos urbanos ou rurais, atendendo ás novas demandas do solo.

A Estratexia galega de infraestrutura verde recolle como obxectivos:

Deseñar unha planificación e xestión do territorio que respecte os ecosistemas máis vulnerables; fomentar a coordinación entre as distintas administracións públicas coa finalidade de garantir o éxito de implantar e consolidar unha infraestrutura verde coas máximas garantías; priorizar a información, formación e a participación da cidadanía no concepto da infraestrutura verde como elemento vertebral dos ecosistemas e hábitats do noso territorio e promover a investigación e a mellora dos coñecementos para alcanzar o grao de excelencia na conservación ambiental.

 

Descarga norma [Enlace-DOG]

Mais información:

https://descargas.xunta.es/671f19e2-fffa-47e3-a5ba-9df7b9dd38891690183038515

 

ORDE do 4 de outubro de 2024 pola que se aproba a Estratexia galega da Infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas
Voltar