Venres, 28 de Febreiro de 2025

2025/02/28: O IBADER coordina a primeira reunión do comité de dirección de LIFE GLOBAL


O pasado 25 de febreiro de 2025 o IBADER coordinou a primeira reunión do comité de dirección do proxecto LIFE GLOBAL (Estratexia transnacional para a restauración de áreas de alto valor de conservación da Rede Natura 2000 do norte da Península Ibérica dende unha perspectiva de cambio global), na sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, no concello de Abegondo (A Coruña).

O obxectivo xeral de LIFE GLOBAL é a posta en marcha dunha estratexia de restauración transnacional en 31 espazos Natura 2000 de alto valor de conservación do norte de España e Portugal, a través de actuacións a pequena escala que suman 1.321,53 ha de superficie, como principal medida de adaptación aos cambios globais actuais. O proxecto pretende mellorar o estado de conservación e a resiliencia ao cambio global de 10 hábitats prioritarios e 3 especies prioritarias que se consideran representativas das rexións atlántica e mediterránea, así como dos 3 escenarios máis vulnerables ao cambio global e de maior valor de conservación da biodiversidade: zona costeira, zonas húmidas continentais e zonas de montaña
O encontro que tivo lugar en Abegondo serviu para coordinar e planificar a elaboración dos documentos técnicos de avaliación do estado de conservación dos hábitats e especies prioritarios que son obxectivo do proxecto, así como comezar a establecer termos de referencia para o comezo das accións de conservación e restauración, a adquisición de terreos ou o establecemento de pagos compensatorios. Tamén se tomaron decisións conxuntas con respecto á estratexia integral para informar e sensibilizar á cidadanía sobre a relevancia dos valores naturais abordados polo proxecto.

LIFE GLOBAL está coordinado polo IBADER da Universidade de Santiago de Compostela e executarase nun período de 64 meses (entre 2024 e 2029) grazas ao esforzo conxunto dun equipo formado por 11 beneficiarios, entre autoridades competentes, universidades e fundacións públicas de España e Portugal. O proxecto ten un carácter altamente demostrativo e piloto, que permite unha alta transferibilidade e replicabilidade a outros territorios europeos onde se concentran e illan áreas de alto valor de conservación, formando mosaicos complexos moi fragmentados e vulnerables.
 
2025/02/28: O IBADER coordina a primeira reunión do comité de dirección de LIFE GLOBAL
Voltar