Xoves, 06 de Outubro de 2016

2016/10/06: O IBADER presenta en Bruxelas o proxecto LIFE BACCATA

O IBADER, na súa condición de socio coordinador do proxecto LIFE BACCATA (LIFE15 NAT/ES/000790), participou no encontro de lanzamento (kick-off meeting) celebrado pola Comisión Europea no marco do programa LIFE. O encontro, que tivo lugar nas instalacións da Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas (EASME) en Bruxelas (Bélxica), serviu para presentar ante os responsables da Comisión Europea os diferentes proxectos LIFE da convocatoria 2015 que foron aprobados. Con todo, tamén posibilitou unha gran oportunidade para que a Comisión Europea e as entidades beneficiarias intercambiaran os seus puntos de vista durante diferentes mesas redondas. Esto permitiu estreitar lazos e reforzar potenciais sinerxias de cara a futuras colaboracións.


 
O proxecto LIFE BACCATA, liderado por IBADER, posúe como obxectivo a mellora do estado de conservación do tipo de hábitat prioritario 9580* “Bosques mediterráneos de Taxus baccata” en 15 Espazos Protexidos da Rede Natura 2000 da Cordillera Cantábrica, mediante o incremento da súa área de ocupación, a mellora da súa estrutura e funcionalidade, así como das súas perspectivas futuras. O proxecto abrangue igualmente unha serie de medidas de difusión e transferencia dos resultados acadados, así como un programa de información e sensibilización ao público en xeral sobre a importancia do hábitat 9580*, os valores da biodiversidade albergada, e os servizos prestados polos ecosistemas abordados polo proxecto. O orzamento global do proxecto son 1.925.104 €, que é cofinanciado pola Unión Europea nun 75% (1.441.649 €), proporción que supón o máximo que outorga a convocatoria LIFE para aqueles proxectos que son considerados como prioritarios para a súa execución e posta en marcha.


 
O tipo de hábitat 9580* se atopa formado por bosques dominados por Taxus baccata, a miúdo con Ilex aquifolium, de presenza moi localizada. Este hábitat pode ter dúas orixes: como fase de senescencia de faiais ou abetais formados con posterioridade á desaparición das especies de maior talla, a partir de rodais de teixo e formando mosaico con bosques pluriestratificados de faia-teixo; como fases finais de bosques nos que o teixo sobrevive a especies de maior talla situadas por enriba ou nas súas proximidades. En Galicia estes bosques (denominados localmente como teixedais, teixidais, teixedos ou teixidos) presentan unha distribución fundamentalmente supratemperada superior (>1.200 m) sobre solos pedregosos e ricos en humus, derivados de distintos materiais litolóxicos, situados en ladeiras abruptas orientadas cara ao N. A súa composición florística adoita ser bastante homoxénea, como resultado da intensa interceptación da luz que fan as copas do teixo e do acivro.


 
Ao acto celebrado en Bruxelas acudiron membros do Grupo de Investigación 1934-TB Territorio-Biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela, adscritos ao IBADER do Campus de Lugo. O equipo que acudiu ao encontro de Bruxelas, liderado por Pablo Ramil Rego, realizou a súa presentación ante a Comisión facendo un especial énfase da magnitude territorial do proxecto LIFE BACCATA, que abrangue unha superficie significativa da área de presenza do tipo de hábitat 9580* en España. Por outra banda, ademáis das actuacións de restauración e mellora directa do tipo de hábitat, tamén se resaltou a caracterización xenética das poboacións de teixo (Taxus baccata) da Cordillera Cantábrica, o que permitirá coñecer a súa variabilidade xenética e contribuir á conservación desta.

A presentación foi do agrado dos membros da Comisión, que a calificaron positivamente, resaltando a elevada aptitude e experiencia do persoal implicado no proxecto. Neste sentido, calificaron a LIFE BACCATA como exemplar en canto aos proxectos liderados por persoal científico-técnico que posúa experiencia na mellora do estado de conservación dos tipos de hábitat de interese comunitario, e en especial dos tipos prioritarios.



A Comisión Europea tamén resaltou a replicabilidade e transferabilidade plantexada en LIFE BACCATA con outros proxectos europeos que aborden a conservación dos bosques en xeral, e das teixedas en particular. Neste sentido, valorouse moi positivamente o inicio dos contactos establecidos antes do comezo do proxecto, como foi a visita ao proxecto LIFE TAXUS en Portugal, con motivo do workshop celebrado no pasado mes de xuño de 2016 na Serra da Estrela, en Manteigas.



A participación do IBADER na coordinación do proxecto LIFE BACCATA é unha mostra da experiencia e o compromiso adquiridos pola entidade na conservación e restauración de ecosistemas naturais mediante o mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable dos tipos de hábitat e das especies de interese comunitario. A experiencia dos membros do IBADER en proxectos LIFE remóntase ao ano 2000, no proxecto “Mellora do bosque inundable e lago distrofico", participando tamén como socios a partires do ano 2011 no proxecto LIFE TREMEDAL. Nese período o persoal de LIFE BACCATA participou en máis de 50 proxectos relacionados coa restauración, conservación, protección, planificación e xestión dos Espazos Protexidos da Rede Natura 2000 de Galicia e dos seus compoñentes clave, destacando a redacción do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado mediante o Decreto 37/2014.
2016/10/06: O IBADER presenta en Bruxelas o proxecto LIFE BACCATA
Compartir
 
Voltar