O IBADER, na súa condición de socio coordinador do proxecto LIFE BACCATA (
LIFE15 NAT/ES/000790), participou no encontro de lanzamento (
kick-off meeting) celebrado pola Comisión Europea no marco do programa LIFE. O encontro, que tivo lugar nas instalacións da Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas (
EASME) en Bruxelas (Bélxica), serviu para presentar ante os responsables da Comisión Europea os diferentes proxectos LIFE da convocatoria 2015 que foron aprobados. Con todo, tamén posibilitou unha gran oportunidade para que a Comisión Europea e as entidades beneficiarias intercambiaran os seus puntos de vista durante diferentes mesas redondas. Esto permitiu estreitar lazos e reforzar potenciais sinerxias de cara a futuras colaboracións.
O proxecto LIFE BACCATA, liderado por
IBADER, posúe como obxectivo a mellora do estado de conservación do tipo de hábitat prioritario 9580* “Bosques mediterráneos de Taxus baccata” en 15 Espazos Protexidos da Rede Natura 2000 da Cordillera Cantábrica, mediante o incremento da súa área de ocupación, a mellora da súa estrutura e funcionalidade, así como das súas perspectivas futuras. O proxecto abrangue igualmente unha serie de medidas de difusión e transferencia dos resultados acadados, así como un programa de información e sensibilización ao público en xeral sobre a importancia do hábitat 9580*, os valores da biodiversidade albergada, e os servizos prestados polos ecosistemas abordados polo proxecto. O orzamento global do proxecto son 1.925.104 €, que é cofinanciado pola Unión Europea nun 75% (1.441.649 €), proporción que supón o máximo que outorga a convocatoria LIFE para aqueles proxectos que son considerados como prioritarios para a súa execución e posta en marcha.
O tipo de hábitat 9580* se atopa formado por bosques dominados por
Taxus baccata, a miúdo con Ilex aquifolium, de presenza moi localizada. Este hábitat pode ter dúas orixes: como fase de senescencia de faiais ou abetais formados con posterioridade á desaparición das especies de maior talla, a partir de rodais de teixo e formando mosaico con bosques pluriestratificados de faia-teixo; como fases finais de bosques nos que o teixo sobrevive a especies de maior talla situadas por enriba ou nas súas proximidades. En Galicia estes bosques (denominados localmente como teixedais, teixidais, teixedos ou teixidos) presentan unha distribución fundamentalmente supratemperada superior (>1.200 m) sobre solos pedregosos e ricos en humus, derivados de distintos materiais litolóxicos, situados en ladeiras abruptas orientadas cara ao N. A súa composición florística adoita ser bastante homoxénea, como resultado da intensa interceptación da luz que fan as copas do teixo e do acivro.
Ao acto celebrado en Bruxelas acudiron membros do Grupo de Investigación 1934-TB
Territorio-Biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela, adscritos ao IBADER do Campus de Lugo. O equipo que acudiu ao encontro de Bruxelas, liderado por Pablo Ramil Rego, realizou a súa presentación ante a Comisión facendo un especial énfase da magnitude territorial do proxecto LIFE BACCATA, que abrangue unha superficie significativa da área de presenza do tipo de hábitat 9580* en España. Por outra banda, ademáis das actuacións de restauración e mellora directa do tipo de hábitat, tamén se resaltou a caracterización xenética das poboacións de teixo (
Taxus baccata) da Cordillera Cantábrica, o que permitirá coñecer a súa variabilidade xenética e contribuir á conservación desta.
A presentación foi do agrado dos membros da Comisión, que a calificaron positivamente, resaltando a elevada aptitude e experiencia do persoal implicado no proxecto. Neste sentido, calificaron a LIFE BACCATA como exemplar en canto aos proxectos liderados por persoal científico-técnico que posúa experiencia na mellora do estado de conservación dos tipos de hábitat de interese comunitario, e en especial dos tipos prioritarios.
A Comisión Europea tamén resaltou a replicabilidade e transferabilidade plantexada en LIFE BACCATA con outros proxectos europeos que aborden a conservación dos bosques en xeral, e das teixedas en particular. Neste sentido, valorouse moi positivamente o inicio dos contactos establecidos antes do comezo do proxecto, como foi a visita ao proxecto
LIFE TAXUS en Portugal, con motivo do workshop celebrado no pasado mes de xuño de 2016 na Serra da Estrela, en Manteigas.
A participación do IBADER na coordinación do proxecto LIFE BACCATA é unha mostra da experiencia e o compromiso adquiridos pola entidade na conservación e restauración de ecosistemas naturais mediante o mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable dos tipos de hábitat e das especies de interese comunitario. A experiencia dos membros do IBADER en proxectos LIFE remóntase ao ano 2000, no proxecto “
Mellora do bosque inundable e lago distrofico", participando tamén como socios a partires do ano 2011 no proxecto
LIFE TREMEDAL. Nese período o persoal de LIFE BACCATA participou en máis de 50 proxectos relacionados coa restauración, conservación, protección, planificación e xestión dos Espazos Protexidos da Rede Natura 2000 de Galicia e dos seus compoñentes clave, destacando a redacción do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado mediante o
Decreto 37/2014.