Xoves, 09 de Febreiro de 2017

2017/02/09: Catalogo das Paisaxes de Galicia

O Catálogo das Paisaxes de Galicia, promovido pola Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de ser seleccionado para ser a candidatura española á quinta edición do Premio da Paisaxe do Consello de Europa. Con esta iniciativa, o Consello europeo quere pór de relevo as políticas e medidas adoptadas polas autoridades locais ou rexionais, as súas agrupacións, así como as organizacións non gobernamentais, para protexer, xestionar e planificar as súas paisaxes.

A Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio manifesta a súa satisfacción polo nomeamento e considera a candidatura unha oportunidade para a promoción e a difusión da paisaxe como patrimonio determinante para o desenvolvemento dos países.

O Premio da Paisaxe do Consello de Europa é unha convocatoria bienal que nace ao abeiro do Convenio Europeo da Paisaxe aprobado en Florencia no ano 2000 con entrada en vigor en España en marzo de 2008. Cada Estado participante no Convenio pode presentar unha única candidatura, que, neste caso, defenderá o Catálogo das Paisaxes de Galicia.

A protección, a xestión e a ordenación das paisaxes, entendidas como un factor para potenciar a calidade de vida en todo o territorio e como integrantes da identidade cultural son os principais fitos do Convenio Europeo da Paisaxe. Ademais, presenta a paisaxe como un elemento clave de intervención na planificación do territorio, especialmente, por contribuír a preservar os valores patrimoniais e dotar de maior coherencia as políticas que actúan no territorio.

O Catálogo das Paisaxes de Galicia foi seleccionado entre todas as propostas presentadas por un xurado composto por un responsable dos Ministerios de Educación, Cultura y Deporte e de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente e por tres expertos na materia.

Base para ordenación territorial e urbanística

Ata 207 Áreas de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) foron identificadas no Catálogo das Paisaxes de Galicia, que serviu como base para determinar a caracterización de solo rústico de especial protección paisaxística que recolle a Lei do Solo de Galicia. Ademais, o catálogo facilitou a elaboración das Directrices da Paisaxe agora en período de exposición pública. O último paso será a creación do Atlas das Paisaxes de Galicia e dará soporte a todos os instrumentos de ordenación territorial e urbanística; aos informes sectoriais en materia de paisaxe e aos estudos de impacto e integración paisaxística.

Cómpre destacar que a calidade da paisaxe é un excelente indicador do grao de desenvolvemento dunha sociedade e a súa boa xestión e ordenación son un factor a ter en conta para a competitividade dun territorio.

Entre os obxectivos desta liña de traballo tamén se atopa a concienciación e sensibilización da sociedade en torno a esta materia. Así, na selección das 207 Áreas de Especial Interese Paisaxístico recollidas no Catálogo, tívose en conta a participación pública, que se artellou a través de obradoiros e dunha plataforma web.

Fuente: Consellería de Medio Ambiente: Xunta de Galicia
2017/02/09: Catalogo das Paisaxes de Galicia
Compartir
 
Voltar