O Concello de Santiago de Compostela presentou nun acto coa veciñanza o estado do proxecto "Entre Sar e Sarela" para a consolidación dos espazos verdes urbanos de Santiago. No acto participaron a alcaldesa, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Sustentabilidade, Xesús Domínguez; o director do IBADER, Pablo Ramil; e a coordinadora de accións do proxecto, Claudia Rodríguez.
A alcaldesa destacou o posicionamento de Compostela nos índices internacionais de superficie verde por habitante, así como o labor desenvolvido durante décadas para acadar estes resultados. Subliñou tamén a necesidade de avanzar cara a un modelo urbano máis resiliente fronte aos retos ambientais futuros, integrando a infraestrutura verde en todo o tecido da cidade e fortalecendo a sensibilización cidadá.
O director do IBADER, Pablo Ramil, anunciou a aprobación definitiva da Estratexia de Infraestrutura Verde unha vez completado o período de información pública iniciado tras a aprobación inicial pola Xunta de Goberno Local, e a súa publicación na web institucional do Concello; o concelleiro Xesús Domínguez detallou o progreso das cinco actuacións en marcha; e Claudia Rodríguez presentou as accións de participación cidadá previstas, incluídos dous faladoiros e unha exposición pública na Alameda.
O proxecto “Entre Sar e Sarela. Renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestrutura verde de Santiago de Compostela”, conta coa financiación da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transisción Ecológica y el Reto Demográfico, no marco do Plan para a Recuperación, Transfromación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationUE.
Ligazóns:
Concello:
https://santiagodecompostela.gal/gl/noticias/o-concello-presentou-nun-acto-coa-vecinanza-o-estado-das-obras-do-proxecto-entre-sar-e
Proxecto:
https://entresaresarela.santiagodecompostela.gal/