O reitor Antonio López Díaz preside o xoves 15, ás 11.30 horas, no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do Campus de Lugo, o acto de presentación da Cátedra UNESCO Reservas de Biosfera Atlánticas. No acto tamén participará o director do IBADER, Pablo Ramil.
No ano 2024 a Universidade de Santiago iniciou o proceso para a designación dunha Cátedra UNESCO adscrita ao IBADER do Campus Terra. A proposta tras a súa avaliación por un comité internacional da UNESCO foi finalmente aprobada en novembro de 2025. A devandita Cátedra ten unha clara vocación rural, con tres liñas de actuación preferentes que coinciden coa Axenda Científica do IBADER e cos obxectivos do Programa sobre o Home e a Biosfera da Unesco: Biodiversidade, Infraestrutura Verde e Desenvolvemento Rural.
A Cátedra UNESCO de Reservas de Biosfera pretende abordar as catro áreas fundamentais da misión da UNESCO: Educación (cursos de especialización, apoio á educación formal), Ciencias (Biodiversidade, Ciencias Agrarias, Desenvolvemento Rural), Cultura (Patrimonio Cultural Material e Inmaterial) e Comunicación e Información (difusión, creación de bases de datos e implementación de mapas dixitais na web) no marco das Reservas da Biosfera e dentro das súas redes temáticas. O ámbito territorial abarca a Rexión Bioxeográfica Atlántica, impulsando a colaboración coas Reservas de Biosfera de África, América e Europa, promovendo o entendemento mutuo, a igualdade de xénero e un firme compromiso coas prácticas sostibles.