Domingo, 16 de Agosto de 2026

2026/08/16: A contaminación acústica


A contaminación acústica: unha cuestión de saúde, ambiente e responsabilidade social
 

O ruído constitúe unha forma de contaminación ambiental que, a diferenza doutros contaminantes, adoita estar infravalorada porque non deixa residuos visibles nin altera aparentemente a paisaxe. Porén, a exposición a niveis elevados ou prolongados de ruído pode ter efectos prexudiciais sobre a saúde e o benestar das persoas e pode alterar significativamente o estado de conservación dos ecosistemas e das especies que os integran.
 
Nas persoas, a exposición a un ruído intenso ou persistente pode interferir, como sinala a Organización Mundial da Saúde, co descanso, dificultar a comunicación e a concentración e provocar molestias, estrés e alteracións do sono. Cando a exposición alcanza niveis suficientemente elevados ou se mantén durante períodos prolongados, tamén pode contribuír á aparición de problemas de saúde máis graves. O ruído ambiental non debería considerarse, polo tanto, simplemente unha molestia menor, senón un factor ambiental capaz de afectar á calidade de vida e á saúde pública.
 
Os seus efectos, porén, non se limitan á nosa especie. O medio natural tamén está sometido á contaminación acústica. Os animais utilizan os sons para comunicarse, localizar parellas, advertir da presenza de perigos, defender territorios, orientarse ou localizar presas. O ruído de orixe humana pode interferir nestas funcións e modificar os patróns de comunicación, comportamento, desprazamento e utilización do hábitat. En determinados contextos, pode provocar que os animais eviten zonas que anteriormente utilizaban, alterando as súas relacións ecolóxicas e a estrutura das comunidades.
 
A gravidade do problema contrasta coa facilidade coa que socialmente se acepta ou se xustifica. Resulta especialmente chamativo que, mentres se establecen normas para limitar outras formas de contaminación e protexer a saúde e o medio ambiente, en Galicia sigamos tolerando e mesmo financiando ou subvencionando actividades recreativas que xeran niveis de ruído moi elevados e que poden prolongarse durante horas.
 
As festas, verbenas, concertos e outras actividades festivas fóronse transformando, nalgúns casos, en importantes fontes de contaminación acústica, chegando a superar amplamente os limiares establecidos pola lexislación e as recomendacións das axencias internacionais. Poden alcanzarse así niveis sonoros incompatibles cos que deberían considerarse necesarios para garantir o descanso e o benestar da poboación e para minimizar as molestias e os impactos sobre o medio natural.
 
A xustificación destas situacións mediante argumentos tan fráxiles como «é unha festa», «sempre se fixo así» ou «temos dereito a divertirnos» resulta difícil de soster desde unha perspectiva de responsabilidade ambiental. O carácter festivo dunha actividade non elimina os seus efectos nin converte automaticamente en aceptable calquera nivel de contaminación que produza. Unha sociedade ambientalmente responsable debería ser capaz de compatibilizar a celebración e o ocio co respecto ás persoas que necesitan descansar e coa protección dos ecosistemas.
 
O problema non reside, polo tanto, en celebrar festas ou actividades culturais, senón en asumir que a diversión pode xustificar calquera impacto ambiental. As actividades festivas e culturais poden realizarse, como sucede en moitos lugares, sen megafonía ou empregándoa por baixo dos niveis que poidan causar molestias ou danos ás persoas e ao medio natural.
 
Noutros casos, a solución máis sinxela consiste en situar as actividades especialmente ruidosas lonxe dos espazos naturais, das áreas residenciais e de calquera outro lugar no que poidan provocar molestias significativas. Tamén é posible limitar os niveis sonoros autorizados, establecer horarios axeitados e controlar a frecuencia das actividades; orientar correctamente os sistemas de amplificación; adoptar medidas de illamento acústico; e garantir a vixilancia efectiva e a sanción dos incumprimentos.
 
De acordo co principio de «quen contamina, paga», as actividades que xeren molestias ou impactos acústicos significativos deberían asumir os custos derivados da súa realización. Podería establecerse, cando proceda, un canon destinado a compensar tanto as molestias ocasionadas como os custos de medición, monitorización, control e vixilancia necesarios para garantir o cumprimento das condicións autorizadas.
 
Resulta especialmente contraditorio que as administracións públicas desenvolvan políticas de protección ambiental e, ao mesmo tempo, desde determinados ámbitos das propias administracións, apoien economicamente actividades cuxa organización non incorpora adecuadamente os custos ambientais e sociais da contaminación acústica. Se unha actividade necesita superar determinados niveis de ruído para poder realizarse nas condicións previstas, os seus impactos deberían ser avaliados e xestionados previamente, e non simplemente trasladados aos veciños, aos traballadores, ás persoas especialmente vulnerables e aos ecosistemas.
 
A contaminación acústica formula, en definitiva, unha cuestión que vai máis alá do simple cumprimento dunha determinada norma. Tamén constitúe un indicador de cultura ambiental e de respecto polos demais. Unha sociedade respectuosa co seu contorno debería comprender que o espazo público non pertence exclusivamente a quen participa nunha celebración e que o dereito ao ocio debe coexistir co dereito ao descanso, á tranquilidade e a un medio ambiente saudable.
 
Celebrar, divertirse e manter as tradicións é perfectamente compatible cunha maior responsabilidade ambiental. O que debería cambiar é a idea de que unha festa constitúe unha excepción que permite ignorar as consecuencias das nosas actividades.
 
A contaminación acústica segue sendo contaminación aínda que teña carácter festivo. Superar deliberadamente niveis de ruído capaces de prexudicar ás persoas ou alterar o comportamento da fauna non debería considerarse unha manifestación de cultura, senón unha expresión dunha cultura ambiental aínda insuficiente.
 
A verdadeira modernidade non consiste en facer máis ruído, senón en ser capaces de celebrar sen converter o benestar doutras persoas e a tranquilidade dos ecosistemas no prezo da nosa diversión.

Pablo Ramil Rego
Director do IBADER
2026/08/16: A contaminación acústica