Sábado, 18 de Marzo de 2017

2017/03/18: Día da Ciencia en Galicia en homenaxe a Baltasar Merino Román

A Real Academia Galega de Ciencias homenaxeará no Día da Ciencia en Galicia ao botánico Baltasar Merino Román.
 

O naturalista e botánico Baltasar Merino Román [1845,1917] será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas.
 
A homenaxe, que coincide co primeiro centenario do falecemento do investigador, foi aprobada unanimemente polos académicos a conta do papel de Merino como o autor da Flora Descriptiva de Galicia, á que se suman os primeiros traballos de climatoloxía aplicada realizados en Galicia.
 
Datos bibliográficos.
 
Batasar Merino Román naceu en Lerma (Burgos) no ano 1845, e morreu en Vigo en 1917. Entrou aos 15 anos na Compañía de Xesús, cursando Humanidades, Retórica e Filosofía. Estivo na Habana, Estados Unidos, Francia e Porto Rico, onde estudou e iniciou o seu labor docente. No Curso 1880-81 foi destinado ao Colexio Santiago Apóstol da Compañía en A Guarda (Pontevedra), no que deu clases, principalmente de Física e Química, e permaneceu o resto da súa vida, agás un curso en Orduña, algún tempo en Oña e o traslado final do Colexión Santiago Apóstol para Vigo. En 1900 deixou a docencia, para adicarse plenamente ao labor botánico.
 
Entre 1887 e 1905 fíxose cargo do Observatorio Meteorolóxico do Colexio, unha instalación que era das mellores do seu xénero no país. Das súas pescudas sobre cuestións meteorolóxicas deu conta, no período 1889-1897, en varias publicacións, incluíndo a propia do Observatorio. Ademais das habituais observacións estudou as borrascas da costa occidental de Galicia (Merino, 1889, 1891) e a composición fisicoquímica da auga meteórica; neste traballo relaciona chuvia e temperatura e inclúe análises do contido en cloro e amoníaco, que deberon ser dos primeiros no Estado español.
 
Os inicios na Botánica
 
A principal contribución científica de Merino está constituída polas súas pescudas botánicas, reflectidas en case trinta publicacións situadas entre 1895 e 1916. As primeiras publicacións foron editadas en Tui, en forma de folletos, no período 1895-98, un tempo de formación.
 
Luisier (1917) sinala o ano 1890 como o momento no que Merino inicia as súas pescudas botánicas. A primeira publicación ten lugar en 1895, un pequeno folleto, Algunas plantas raras que crecen espontáneamente en las cercanías de La Guardia (Pontevedra) (Merino, 1895). Cómpre salientar que Merino accede á Botánica xa maior, pois nesas datas tiña 50 anos, o que amosa o tardío do seu interese. Xa neste primeiro traballo, de escaso valor botánico, observamos unha das características do noso autor, o especial interese en descrebir taxons novos. Nestes anos iniciais, esta tendencia podía xustificarse na carencia de medios axeitados para proceder á identificación dos exemplares, se ben a circunstancia debería facer máis prudente a Merino.
 
Merino mantiña unha estreita relación con numerosos naturalistas da súa época, especialmente co ferrolán Víctor López Seoane [1832,1900], ao que consideraba como o seu director científico. Seoane presentaría a Merino para socio da Sociedad Española de Historia Natural e escribiría o limiar, “Bosquejo histórico de la Botánica española” (Seoane, 1897), do primeiro texto botánico de importancia do xesuíta, La Vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca extrema del Río Miño (Merino, 1897), obra que lle foi adicada. No texto Merino aborda como obxectivo central o estudo da relación entre a temperatura e o desenvolvemento floral das plantas, o que complementa co traballo taxonómico.
 
A etapa de madurez botánica, a Flora de Galicia.
 
En 1898 inicia unha segunda etapa na actividade botánica. Amplía os contactos, accede a diversas sociedades, publica máis, faino en medios recoñecidos, etc. Inscribe, xa que logo, a súa actividade nunha etapa caracterizada polo importante proceso de institucionalización científica no Estado español.
 
Desde a elaboración do libro sobre a bisbarra do Miño (Merino, 1897) xurde o proxecto do que sería a Flora de Galicia, obxectivo que guiaría a actividade de Merino nos anos seguintes. En 1905 inicia a publicación da Flora descriptiva e ilustrada de Galicia (Merino, 1905-1909). Recolle 1.777 especies nos tres tomos e 77 no Suplemento, un total de 1.854 especies, que se verían ampliadas nas sucesivas “Adiciones”  (Merino, 1912-1916).
 
Viaxes de herborización e colaboracións.
 
Na base do seu labor botánico estivo sempre, e sobre todo desde 1900, a importante capacidade de recolección e observación. Iso supuxo a realización de numerosas excursións polo territorio galego e comprometeu a diversos colaboradores. Á marxe de indicacións nos seus escritos botánicos, na publicación da Compañía de Xesús, Razón y Fe, publicou viaxes de herborización, críticas de libros sobre Agricultura, Botánica e notas diversas (Díaz-Fierros & Fraga Vázquez, 1987).
 
Canto os colaboradores, tivo, entre outros, a axuda de Marcelino Rodríguez Franco, Primo Castro Pita, Manuel Lago y González, José Casal y Lois, Ricardo Sánchez Varela, a familia de Víctor López Seoane e José Vázquez Estévez Estas persoas eran, en xeral, antigos alumnos, relixiosos e persoas diversas, que lle facilitaban informacións, acollían, guiaban e fornecían de exemplares de prantas.
 
Herbarios.
 
Unha manifestación importante do labor botánico de Merino é o Herbario elaborado ao longo da súa actividade. Houbo un tempo no que se considerou como o Herbario de Merino aos 2.028 pregos que se conservaban na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela. Ese herbario procede da participación de Merino na sección de Santiago da Real Sociedad Española de Historia Natural e foi un agasallo efectuado polo autor a Universidade a primeiros de século.
 
Segundo Rivera (1980) o auténtico Herbario acadou 70.000 exemplares en dobre copia. Tras a morte de Merino, o herbario foi conservado polos pais xesuítas. Tras a disolución da Compañía de Xesús, estes esconden o herbario en casas particulares da provincia de Pontevedra, situación que se prolonga ata despois da Guerra Civil, cando os xesuítas deciden ceder o herbario no ano 1945 ao Centro Regional de Enseñanzas, Investigaciones y Experiencias Forestales (CREIEF) de Lourizán (Lainz, 1966). Son máis de 3.000 carpetas e 8.000 pregos, unhas 11.000 especies; contén case todos os holotipos de Merino e consérvase en bastante bo estado. Só faltan algúns holotipos e pregos orixinais, probablemente nas mans dalgún “estudoso” da obra de Merino. Tamén se formou un terceiro herbario, de 1.056 especies, depositado no Instituto de Pontevedra, na actualidade Instituto de Bacharelato Sánchez Cantón. Importantes remesas de exemplares da flora galega, enviadas por Merino, foron parar ao Herbario de Carles Pau, depositado no Real Xardín Botánico de Madrid.
 
Reseñas bibliográficas:
 
DÍAZ-FIERROS, F. & FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1987): A época, a vida e a obra do P. Merino, Merino, B., Viajes de herborización por Galicia, O Castro- Sada (A Coruña): Seminario de Estudos Galegos, Ediciós do Castro.
LAINZ, M. (1966): El P. Merino en su circunstancia investigadora, Brotéria , ser. C.Nats., XXXV(3-4): 149-156.
LUISIER, A. (1917): Le P. Baltasar Merino, Brotéria, XV: 99-106.
MERINO, B. (1889): El clima de La Guardia, Res. Anual Obs. Met. Prov., Madrid.
MERINO, B. (1891): Resumen de las observaciones meteorológicas en el colegio de La Guardia (1881-1890). Cuaderno Primero, Madrid: Imprenta de Rafael Marco y Viñas.
MERINO, B. (1895): Algunas plantas raras que crecen espontáneamente en las cercanías de La Guardia (Pontevedra) Tuy: Tip. Regional, V,7-34.
MERINO, B. (1897): Contribución a la Flora de Galicia. La vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca del Miño, Tuy: Tip. Regional.
MERINO, B. (1905-1909): Flora descriptiva e ilustrada de Galicia, 3 vols. Santiago de Compostela: Tip. Galaica. Edición facsimilar, A Coruña: Biblioteca Gallega, 1980.
MERINO, B. (1907): Don Victor López Seoane como naturalista, Linneo en España. Homenaje a Linneo en su segundo centenario, 1707-1907, Zaragoza: Top. Escar; p. 327-340.
MERINO, B. (1912-1916): Adiciones a la Flora de Galicia, Broteria, série botánica, v. X: 125-191, lámina VI; v. XI: 33-50, láminas I-III; 105-120, lámina IV; 182-201; v. XII: 32-52, lámina I; 97-114; 163-176; XIII: 17-32, láminas II e III; XIV: 25-58; 158-171, láminas VI-VII.
RIVERA, E. (1980): La vida intensa de Baltasar Merino, S. J. (1845-1917), Merino, B. (1980), Flora de Galicia, edición facsimilar, A Coruña: La Voz de Galicia.
WILLKOMM, M & LANGE, J. (1861-1880): Prodomus Florae Hispanicae, 3 vols, Stuttgart: Sumtibus E. Schweizerbart (E. Koch).
 
Fonte:
Consello da Cultura Galega.
2017/03/18: Día da Ciencia en Galicia en homenaxe a Baltasar Merino Román
Compartir
 
Voltar