Luns, 02 de Febreiro de 2015

2015/02/02: Día Mundial dos Humidais

02/02/15: Día Mundial dos Humidais

Con motivo da celebración do Día Mundial dos Humidais, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da Universidade de Santiago de Compostela desprazouse ata o CEIP Virxe do Corpiño en Begonte para realizar un acto de sensibilización e información con escolares de ensino primario do centro xunto coa Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Esta actividade encádrase nas tarefas do proxecto europeo LIFE+ TREMEDAL, participando das mesmas o coordinador do proxecto o profesor Pablo Ramil Rego, e varios os técnicos do IBADER, ademais de Óscar Rivas, secretario da Asociación Galega de Custodia do Territorio

A este acto asistiron o Subdirector Xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia, José Antonio Grandas Arias; a deputada provincial da área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, e o alcalde de Begonte, José Ulla Rocha.

Este ano 2015 o Día Mundial dos Humidais céntrase na necesidade de crear conciencia sobre o esenciais que son este tipo de enclaves naturais para o noso futuro. Segundo a documentación achegada pola Convención Ramsar, os humidais considéranse a miúdo como terreos baldíos, é dicir, como lugares que se deben drenar, reencher, queimar e converter a outros usos. De feito, estudos científicos amosan que dende 1900 desapareceu o 64 % dos humidais do planeta. En comparación con 1700, calcúlase que se perdeu o 87 % deste tipo de lugares.

Neste contexto, o proxecto europeo LIFE+ TREMEDAL no que está a participar o IBADER ten como obxectivo principal mellorar o estado de conservación dos hábitats de humedais continentais do Norte da Península Ibérica. Os proxectos LIFE+ están financiados pola Unión Europea e están dedicados integramente ao medio ambiente.

Enlaces relacionados:

Secretaria da Convención RAMSAR
2015/02/02: Día Mundial dos Humidais
Compartir
 
Voltar