Martes, 28 de Maio de 2013

2013/05/28: A UNESCO aproba a declaración da Reserva da Biosfera de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Mari?as Coruñesas e Terras do Mandeo incorporáse a Rede Mundial de Reservas da Biosfera da UNESCO
 

O 28 de maio de 2013 aprobouse en París a declaración da Reserva de Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo". Esta é a sexta Reserva de Biosfera galega, sendo a primeira declarada na provincia da Coruña. Inclúe unha superficie total de 116.724,3 ha, das que 2.754,7 son mari?as e 113.969,6 son terrestres. Deste xeito, Galicia pasa a contar cunha superficie terrestre de 723.569 ha incluidas en Reservas de Biosfera, de xeito que unha cuarta parte (24,4%) do territorio continental da Comunidade Autónoma se inclúe nesta figura de Áreas Protexidas por Instrumentos Internacionais.
 
O territorio comprendido na Reserva proposta abrangue niveis altitudinais que van dende o nivel do mar, na zona costeira co Océano Atlántico no Arco Ártabro, ao Norte da Reserva, ata os case 800 m de altitude que se alcanzan nas estribacións montañosas ao Sueste desta, nos municipios de Aranga, Curtis e Sobrado. Non obstante, a pesar do amplo intervalo altitudinal, o territorio proposto posúe unha marcada condición sublitoral, fundamentado no feito de que máis da metade da superficie proposta se encontra situada por debaixo de 300 m de cota, a cal é ademais a altitude media da Reserva.
 
Esta nova Reserva de Biosfera integra a 18 municipios: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada e Sobrado así como ao resto de axentes locais interesados en participar no desenvolvemento do territorio. Esta candidatura foi promovida pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. Esta é unha asociación sen ánimo de lucro, que conta con 125 entidades asociadas, organizada en Mesas Sectoriais que funcionan como lugar de encontro e debate sobre os problemas e posibles solucións, garantindo e imbricar a participación dos diferentes axentes do territorio neste proceso.
 
Para a elaboración do documento de candidatura levouse un exhaustivo procedemento de traballo durante tres anos, que serviu para fortalecer a participación dos distintos axentes locais. Leváronse a cabo xornadas de sensibilización e difusión, reunións cos diferentes axentes e partes implicadas, intercambios de experiencias con outras Reservas de Biosfera, actos de difusión ao público en xeral, difusión a través da web e redes sociais, asistencias técnicas para a dinamización da candidatura, difusión aos medios, así como reunións dos órganos da propia Asociación, incluíndo a constitución dunha Comisión de seguimento da propia candidatura. A candidatura contou con numerosos apoios e asesoramentos recibidos polas administracións locais, provinciais, autonómicas e estatais, universidades e centros de investigación, tecido social, cultural e empresarial.
 
A Reserva conta cunhas dimensións axeitadas, e a zonificación establecida asegura o cumprimento dos obxectivos das Reservas de Biosfera. As zonas núcleo abranguen unha superficie de 6.508,5 ha (o 5,6%), incluídas en espazos naturais protexidos e que contan cunha planificación dos seus recursos naturais. As zonas tampón actúan como áreas de amortecemento das núcleo, e contribúen á función de conectividade ecolóxica, cunha superficie de 22.118,6 ha (o 18,9%). Pola súa banda, as zonas de transición, con 88.097,2 ha (o 75,5% da Reserva) albergan a maior parte das actividades socioeconómicas do territorio, ideais para o desenvolvemento de experiencias de desenvolvemento sostible.
 
O territorio incluido na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, conta cun importante elenco de ecosistemas e hábitats. Os corredores fluviais presentes teñen unha especial relevancia ao incluír nestas áreas os bosques naturais máis representativos e de maior extensión no territorio. Estes bosques albergan unha grande riqueza de especies exclusivas, en moitos casos especialmente ameazadas e endemismos de grande singularidade biogeográfica, e presentan un alto valor paisaxístico. A importancia destes bosques vén reflectida ao actuar como hábitats de especies de carácter subtropical húmido (Culcita macrocarpa, Woodwardia radicans, Vandenboschia speciosa). Estas especies atoparon no territorio da Reserva un refuxio nos períodos fríos do Cuaternario, facilitando a expansión destas e outras especies a áreas de maior altitude nos períodos máis térmicos. A nivel internacional estes bosques, que manteñen unha estrutura e funcionalidade próxima á naturalidade, denomínanse como bosques antigos, aos que poden adscribirse diferentes bosques caducifolios que persisten acantoados en vales. Popularmente a estes bosques denomínaselles fragas en Galicia.
 
Tamén as matogueiras incluídas presentan unha importancia dende o punto de vista da conservación da natureza, cunha ampla diversidade de especies de flora e fauna que albergan. Inclúense especies considerados endémicas, raras, sucesorias e en perigo. Así mesmo estes medios tamén se atopan ligados a unha enorme diversidade cultural, xa que en diferentes casos as matogueiras teñen a súa orixe na actividade humana, ao ser empregados no ambiente rural tradicional. Os diferentes usos tradicionais (abono, produción melífera...) serviron para a conservación de comunidades e paisaxes, así como o mantemento de razas gandeiras autóctonas.
 
En terceiro lugar intégranse os hábitats do dominio litoral, configurando un espazo dunha elevada diversidade e complexidade ambiental que ademais, supón unha fonte importante de recursos para o home: Estas áreas son excelentes refuxios para especies de aves, invertebrados e algas. Cabe destacar que esta Reserva constitúe un dos escasos exemplos de ecosistemas costeiros cántabro-atlánticos representados na Rede de Reservas de Biosfera Espa?olas.
 
Por outra banda, o territorio presenta unha importante fortaleza en canto a desenvolvemento sostible humano e económico, implementando diversas actuacións que fomentaron un modelo de desenvolvemento económico e social baseado na sostibilidade, tratando de revalorizar os recursos existentes en todo o territorio, equilibrando aquelas áreas menos dinámicas co obxectivo de aumentar a calidade de vida das poboacións que alí residen. Son salientables as producións tradicionais de calidade de diferentes produtos agroalimentarios, manufacturas locais, e conservación de ecotipos tradicionais.
 
Asimesmo, a zona incluída da Reserva presta un importante apoio loxístico debido á enorme cantidade de experiencias e proxectos con carácter demostrativos que se desenvolven, sobre todo en forma de proxectos de investigación e divulgación cos diferentes organismos científicos e educativos.
 
A proposta de candidatura inclúe o Plan de Acción, o cal constitúe un plan para o desenvolvemento sostible do ámbito territorial proposto, a finalidade do cal é o establecemento das liñas xerais de acción e estratexias prioritarias de actuación para o cumprimento dos obxectivos das Reservas de Biosfera, herdando a estrutura e contidos de forma coherente aos establecidos nos Plans de Acción de Madrid e Montseny. Este documento constitúe o instrumento básico para a xestión e planificación deste territorio, e en consecuencia deberá definir un novo modelo de desenvolvemento sostible que, a través da participación da poboación local, harmonice a conservación do patrimonio natural e a biodiversidade cos diversos sectores de actividades socioeconómicas e a mellora das condicións de vida.
 
Así mesmo, contémplase a creación duns órganos de xestión da Reserva de acordo ao establecido no Plan de Acción de Madrid, de forma que se establece un Consello de Dirección, un Comité Executivo e Científico, unha serie de Comisións Técnicas de Apoio á Xestión, e un Comité de Participación que asegure a intervención das comunidades locais no goberno e xestión da Reserva.
 
 
2013/05/28: A UNESCO aproba a declaración da Reserva da Biosfera de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
Compartir
 
Voltar