Mércores, 06 de Maio de 2015

2015/05/06: Presentada a Guía de Campo para a Interpretación do Feismo na paisaxe galega.

Novas / Noticias:
 
Presenta a: Guía de Campo para a Interpretación do Feismo na paisaxe galega.

 
"Os fenómenos que chamamos feísmo son moito máis que obxectos feos (...) Pasamos a outro feísmo, que xa non reside en obxectos ou realidades materiais, senón en actitudes das persoas". O recentemente falecido Gerardo Pereira-Menaut escribiu isto nun dos artigos que conformaron na Revista Kardo unha moi interesante reflexión colectiva sobre o feísmo. Pablo Ramil Rego e Javier Ferreiro da Costa, integrantes do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC, recuperan estas palabras do impulsor do Observatorio Galego do Territorio na presentación de Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega, un libro que quere afondar nas distintas modalidades e mecanismos de agresión á paisaxe que se están a dar en Galicia.
 
"Co termo feísmo trátase de aglutinar un conxunto heteroxéneo de actuacións efectuadas polo ser humano sobre a paisaxe, froito da introdución de elementos alleos ou construcións distorsionantes", explican na introdución dunha obra que delimita 34 tipos distintos de feísmos, explicados de maneira amena e retanqueira, e contextualizados social e xeograficamente. Sinalan que "a degradación da paisaxe e das súas compoñentes non é un problema que afecta unicamente a Galicia, xa que moitos dos problemas que aquí podemos identificar, tamén se poden recoñecer noutros territorios da Unión Europea" e recoñecen que á hora de delimitar o concepto de feísmo na paisaxe "hai unha parte que é percepción subxectiva por parte de quen observa", polo que eles non queren "impoñer un patrón sobre o que é feo e o que non". "Só facemos unha valoración persoal, dende unha perspectiva ambiental do que lle está a acontecer á paisaxe de Galicia e que cousas, ao noso entender, están a afectar negativamente á paisaxe", engaden.
 
Na súa clasificación aparecen grandes agresións urbanísticas que afectan de forma grave á paisaxe, sobre todo litoral (adiantados, marabunta...) e outras intervencións humanas sobre a contorna que modifican de maneira moi evidente a súa fisonomía, dende o proceso de eucaliptización de Galicia (koala), ata a construción de paseos marítimos (paseo) ou o encanamentos de ríos (canalis). Outras refírense a determinadas actuacións das que as administracións públicas son executoras directas, coma as que afectan á degradación dos centros históricos (ruina montium) ou a construcións non axeitadas (transgresor). Finalmente, tamén chaman a atención sobre o desleixo e ilegalidades das que son responsables moitos particulares á hora de erguer inmobles, coas fachadas ao aire (paries nudum), cos baixos sen rematar (palafita), invadindo espazos (adiantado), deixando abandonadas as edificacións (mors subita) ou con prácticas construtivas criticables (reciclaxe, chapuza)
 
Pablo Ramil cre que na base do feísmo "hai sobre todo unha falta de interese por protexer o país, unha falta de interese en ordear de forma racional o territorio" e responsabiliza en primeiro lugar ás administracións: "Atopamos outras iconas da paisaxe galega que sofren a presenza de novas construcións nos seus arredores que non veñen a conto. A propia administración está actuando dunha maneira irracional sobre áreas que teñen unha grande relevancia paisaxística, degradando zonas moi importantes do territorio". "Moitas prazas públicas moi sinaladas dos centros urbanos foron transformadas dunha maneira moi negativa: onde antes crecían árbores e xogaban os rapaces hoxe hai un deserto de formigón ou nin sequera se pode acceder a elas", di.
 
Ramil destaca que, sobre todo, "falla a socialización da paisaxe", pois "a paisaxe non pode quedar nunha análise feita por técnicos ou en valoracións académicas, nin nunha valoración burocrática, que é o que fai a administración". "A paisaxe ten un aspecto social moi importante, e polo tanto non se pode afastar a xestión e a conservación da paisaxe da propia sociedade. A xente percibe o que é unha paisaxe positiva ou negativa, pero non ten capacidade para incidir sobre o que debe ser a paisaxe que ten na súa contorna. Isto é un déficit nunha sociedade moderna", subliña.
 
As solucións, conclúe, pasan sobre todo pola "educación" e tamén por "un labor exemplarizante da administración pública, que non pode ser un exemplo de feísmo"
 
As solucións, conclúe, pasan sobre todo pola "educación" e tamén por "un labor exemplarizante da administración pública, que non pode ser un exemplo de feísmo. O que non pode ser é que a mesma administración que nun barrio non lles permite aos cidadáns utilizar uns determinados materiais, despois os empregue ela mesma na construción ou rehabilitación dun edificio. A administración debe marcar un nivel de conservación da paisaxe moi superior ao que realizan o resto dos cidadáns". Subliña así mesmo que "non se poden cargar as tintas sobre o cidadán, cidadáns que ás veces non teñen recursos. Hai que ter normas e hai que aplicalas, pero non podemos pensar que un país se amaña a través de normas coercitivas. A educación é a primeira fase".
 
 
Algunhas das 34 modalidades de feismo
 
Adiantado: "En Galicia a conquista irracional e insostible da terra segue espertando frenesí entre grupos de cidadáns que inician a conquista dos inhóspitos territorios co apoio compracente do líder local, que prodiga a ordenanza non escrita do 'Ti vai facendo', mentres espera a vinda gozosa dunha nova desnaturalización das normativas protectores do chan e do patrimonio que outorgue aos adiantados papeis de legalidade para as súas ímprobas actuacións".
 
Vallum: "Un rápido percorrido pola paisaxe galega permitirá ao observador evidenciar un amplo catálogo de muros e peches de fábrica moderna, que tanto pola súa altura, coma polos materiais empregados, discrepan abertamente cos criterios pouco esixentes establecidos pola lexislación urbanística e ambiental".
 
Galpón: Un dos elementos máis característicos do feísmo galego é o "galpón" entendido como tal unha construción con paredes xeralmente de bloque ou ladrillo e tellado de distinta fábrica, que é empregada como segunda vivenda"
 
Palafitta: No seo dos adiantados, como nos pequenos rueiros ou nas marabuntas que salpican o país, se recoñece doadamente unha construción, de tipo familiar ou colectiva, que se alza 3 ou 4 metros sobre o solo soportadas por columnas de formigón. A altura final da área habitable queda establecida a partir de cálculos precisos sobre a cota máis probable que alcanzasen as augas no próximo período diluvial".
 
Torreón: "Non todos os galaicos aspiran a vivir en palafitos, outros prefiren evitar a chegada do próximo diluvio resgardados en recias fortalezas".
 
Paries nudum: "A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, obriga aos propietarios das zonas urbanas e rurais a conservar e manter de forma axeitada as fachadas dos edificios. O incumprimento da norma é tipificado como unha falta leve que pode ser obxecto dunha sanción estipulada entre 300 e 6.000 €. No ano 2006 Urbanismo remitiulles unha circular para instar aos 315 concellos a exercer as súas competencias e ordenar a conclusión das fachadas inacabadas. Algúns munícipes non só fixeron caso omiso dunha medida impopular a un ano das eleccións municipais do 2007, senón que reprocharon á Xunta ser excesivamente drástica nas súas esixencias urbanísticas".
 
Transgresor: "Resulta inconcibible que as autoridades se empeñen en poñer en cintura aos cidadáns no momento de elixir a cor das ventás, ou o tipo de material empregado para asegurar as contras de madeira que as pechan. Mentres que se tolera o uso de cubertas metálicas ou de materiais que nada teñen que ver coa forma secular de teitar as vivendas, ou se permite a construción de moles de formigón visto".
 
Mors súbita: "O nome lévanos a ese óbito inesperado, que no ámbito construtivo nos deixa na paisaxe obras públicas e sobre todo privadas inacabadas, xeralmente asañando as súas vergoñas máis íntimas, que se ven esvaídas co paso do tempo polas silveiras e as estrugas".
 
Reciclaxe: "A reciclaxe de materiais ou elementos construtivos segue sendo unha práctica que se mantén na actualidade, e algunhas delas son consideradas como exemplos representativos do feísmo na paisaxe"
 
Fagocito: "Que se pode facer cando o vello estorba e a normativa non permite destruilo, nin case o tocar? Que se pode facer con ese vello hórreo, palleira ou cruceiro? Pois ben, numerosos artistas amater do feísmo atoparon unha sutil solución mediante a execución dun proceso de fagocitación"
 
Marabunta: "A expansión das edificacións actúa como unha marabunta que na súa expansión territorial aniquilan todos os recursos e elementos que atopan. A marabunta edificatoria percíbese en Galicia especialmente na rexión litoral"
 
Megalómano: "O último cambio de Século coincide en Galicia cunha política de mega-estruturas: Recheos e novas instalacións do Porto de Vigo, Tren de Alta Velocidade, Cidade da Cultura de Santiago (2001), Porto Exterior do Ferrol (2001), Porto Exterior de Punta Langosteira (2005)... Os efectos destas obras sobre a paisaxe galega son evidentes"
Ruina Montium: "A ruina montium é unha táctica empregada en moitos centros históricos galegos nos que impera a desolación, mentres se agarda o momento propicio para a chegada dos especuladores urbanísticos"
 
Paseo: "Quen percorra o litoral Galego, dende a desembocadura do Miño ata a do Eo, observará a existencia dunha colosal muralla a semellanza da Muralla China, para defendernos das hordas de piratas e outros pendóns que chegan por vía marítima. Para a construción deste colosal paseo marítimo houbo que loitar con bravura contra a paisaxe natural"
 
Canalis: "Atopamos actuacións de cruel canalización que constitúen un claro exemplo do que non se debería realizar nun ecosistema fluvial"
 
Koala: "O proceso de eucaliptización de Galicia realizouse e realízase sen ningún tipo de racionalidade, sen consideracións ambientais, ecolóxicas ou culturais. O incremento de superficie que mostran os eucaliptais en Galicia conseguiuse destruíndo brañas, turbeiras, queirogais secos, marismas, e coa súa destrución a de enclaves de especies endémicas ou en perigo de extinción".
 
Dióxenes: "Na paisaxe galega atópanse con demasiada frecuencia vertedoiros incontrolados nos que se acumula unha grande diversidade de residuos sólidos".
 
Fonte: Marcos Pérez-Pena, Praza Pública
2015/05/06: Presentada a Guía de Campo para a Interpretación do Feismo na paisaxe galega.
Compartir
 
Voltar