Xoves, 31 de Agosto de 2017

2017/08/31: O IBADER visita o Conservatorio Botánico de Brest (Bretaña, Francia)

Durante a derradeira semana de agosto, investigadores do GI-1934-TB adscrito ao IBADER, visitaron as instalacións do Conservatoire Botanique National du Brest, para realizar unha visita de intercambio que permitise afondar no coñecemento compartido das estratexias de conservación de Eryngium viviparum. A importancia para a conservación desta especie resulta de gran relevancia en Europa, onde é considerada unha especie prioritaria para a súa conservación segundo a DC 92/43/CEE, así como en Galicia onde está catalogada En Perigo de Extinción ao abeiro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007).



A estancia resultou moi interesante posto que se realizaron visitas á Université de Bretagne Occidentale (UBO) onde se está a realizar a caracterización xenética das poboacións europeas da especie.


 
Tamén se coñceceron de primeira man as localidades de presencia e reintrodución de Eryngium viviparum no Golfo de Morbihan, xunto a membros de Bretagne Vivante, ONG ambientalista que realiza tarefas de conservación desta especie.






No transcurso destas xornadas realizouse un evento de confraternización na Casa do Concello de Belz, onde se expuxeron as accións realizadas en Galicia e Bretaña con respecto a Eryngium viviparum e se destacaron os éxitos na conservación da especie. Contouse neste acto cun representante do Ministère de la Transition écologique et solidaire, que presentou a intención de renovar o Plan Nacional de Conservación de Eryngium viviparum en Francia, e a necesidade de manter estes contactos con Galicia para perseguir mellores resultados e o intercambio de experiencias.




A experiencia resultou moi produtiva para o IBADER, xa que puideron sentarse bases para futuras colaboracións cos diferentes axentes contactados durante esta visita á Bretaña francesa.

2017/08/31: O IBADER visita o Conservatorio Botánico de Brest (Bretaña, Francia)
Compartir
 
Voltar