Martes, 09 de Agosto de 2016

2016/03/04: Seminario do proxecto IMPRO

O pasado 4 de marzo de 2016 celebrouse na sede de IBADER, Lugo, un seminario rexional do proxecto en vacún ecolóxico de leite IMPRO (páxina web: http://impro-dairy.eu). Este seminario forma parte da fase de divulgación de IMPRO, tamén realizado en Euskadi (na sede de ENEEK), do mesmo xeito que en Francia, Suecia e Alemaña. Durante o seminario debateuse cos asistentes os resultados máis relevantes até agora do proxecto. Para iso reuníronse produtores e asesores en granxa (clínicos veterinarios e técnicos) que ofrecen servizo ás gandarías ecolóxicas, é dicir, os futuros usuarios do programa informático resultado do proxecto IMPRO.

O obxectivo de IMPRO é mellorar a saúde e benestar das granxas ecolóxicas de vacún de leite, desenvolvendo plans de acción que se adapten ás posibilidades e limitacións específicas de cada granxa e incorporando cálculos custo-beneficio para a toma de decisións. Os resultados do proxecto incorpóranse nun programa informático de xestión sanitaria para o seu uso en vacún ecolóxico de leite así como nas granxas leiteiras convencionais en pastoreo. No proxecto traballouse sempre cun enfoque participativo, realizando distintas visitas a granxas dos países involucrados (España, Francia, Alemaña, Suecia). Nestas visitas teñense testado diferentes compoñentes deste programa conforme se foron desenvolvendo.

Deste xeito, durante o seminario puidéronse expor e discutir os datos de saúde obtidos nas 200 granxas europeas que forman parte do proxecto e presentáronse as últimas versións dos compoñentes do programa, entre eles a ferramenta económica para os cálculos custo-beneficio. As discusións e debates xerados a partir da información presentada foron moi interesantes e enriquecedores tanto para os investigadores do proxecto, como para os participantes, que atoparon no seminario un espazo para presentar as súas opinións e realidades. A información detallada da xornada e os resultados presentados durante a mesma estaran dispoñibles ao longo do ano na pestana de Deliverables da web do proxecto.

Durante estes meses tamén se realizaron seminarios en Estonia, Polonia e República Checa para presentar os resultados do proxecto, mentres en Reino Unido e Holanda estase testando en granxas ecolóxicas a última versión do programa informático.

O equipo investigador do proxecto IMPRO agradece a Ibader e o seu secretario Don Antonio Iglesias Becerra por abrir as portas para poder desenvolver o seminario.
2016/03/04: Seminario do proxecto IMPRO
Compartir
 
Voltar