Venres, 13 de Outubro de 2017

2017/10/13: A Xunta de Galicia aproba a creación da Rede Galega de Reservas da Biosfera

DECRETO 95/2017, do 21 de setembro, polo que se crea a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia (DOG 13/10/2017).
 
O Programa sobre o Home e a Biosfera (en diante, Programa MaB) é un programa intergobernamental da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (en diante, Unesco), creado co obxectivo de establecer unha base científica para mellorar a relación das persoas co seu contorno.
 
As reservas da biosfera son territorios cuxo obxectivo é harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural e o desenvolvemento económico e social a través da relación das persoas coa natureza. Establécense sobre zonas ecoloxicamente representativas ou de valor único, en ambientes terrestres, costeiros e mariños, nas cales a integración da poboación humana e as súas actividades coa conservación son esenciais.
 
As reservas da biosfera son tamén lugares de experimentación e de estudo do desenvolvemento sustentable que deben cumprir tres funcións básicas:
 
a) Conservación da biodiversidade e dos ecosistemas que conteñen,
b) Desenvolvemento das poboacións locais, e
c) Unha función loxística de apoio á investigación, á formación e á comunicación.
 
O artigo 7 do Marco estatutario da Rede mundial de Reservas da Biosfera (Resolución 28 C/2.4 da Conferencia Xeral da Unesco, 1995) regula a participación en rede. Pola súa vez, o artigo 8 aborda as subredes rexionais e temáticas, e dispón que os Estados deben propiciar a constitución e o funcionamento cooperativo de subredes rexionais e/ou temáticas de reservas de biosfera e fomentar, no marco destas subredes, o intercambio de información.
 
A Constitución española recoñece no seu artigo 45.1 que todos teñen o dereito de gozar dun ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo, e o seu artigo 149.1.23 establece a competencia exclusiva do Estado en materia de lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades que teñen as comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección.
 
Conforme co artigo 27.30 do Estatuto de Autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva para o establecemento de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.
 
A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, no seu artigo 50, inclúe, dentro das áreas protexidas por instrumentos internacionais, as reservas da biosfera declaradas pola UNESCO e engade que o seu réxime de protección será o establecido nos correspondentes convenios e acordos internacionais, sen prexuízo da vixencia de réximes de protección, ordenación e xestión específicos cuxo ámbito territorial coincida total ou parcialmente coas ditas áreas, sempre que se adecúen ao previsto nos ditos instrumentos internacionais.
 
De forma mais específica, no capítulo I do título IV da lei (artigos 68 a 70) regúlase a Rede española de reservas da biosfera, como un subconxunto definido e recoñecible da Rede mundial de Reservas da Biosfera, e recóllense, no artigo 70, as características que deben ter as reservas da biosfera para a súa integración e mantemento como tales. En 2017 son 48 as reservas da biosfera en España, distribuídas en 15 das 17 comunidades autónomas; tres delas son transfronteirizas, das cales unha é intercontinental.
 
Galicia contribúe á Rede española de Rreservas da Biosfera con seis Reservas da biosfera, das cales catro están integramente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Terras do Miño, Área de Allariz, Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo), outra comparte territorio co Principado de Asturias (Río Eo, Oscos e Terras de Burón) e outra é de carácter transfronteirizo con Portugal (Transfronteiriza Gerês-Xurés).
 
Xunto á Rede española de reservas da biosfera, no Plan de acción de Montseny 2009-2013 da Rede de reservas de biosfera española, seguindo a liña do Plan de acción de Madrid para as reservas de biosfera 2008-2013, recollíase, como actuación concreta, a consistente na promoción de redes autonómicas e áreas de encontro que agrupen as redes de biosfera para cuestións claves, para a adopción de solucións aplicables aos problemas comúns destes territorios, o que se artellaría mediante a creación de redes autonómicas de reservas de biosfera ou plataformas de encontro para compartir experiencias entre redes de Biosfera. Neste sentido, pode citarse a creación, no ano 2010, da Rede canaria de Reservas da Biosfera.
 
No contexto actual, tendo en conta a necesidade de dar cumprimento aos obxectivos do programa MaB así como o número e importancia das reservas da biosfera existentes en Galicia cómpre configurar unha rede que cohesione e reforce os vínculos existentes entre as distintas reservas da nosa comunidade autónoma, tanto as actualmente declaradas, como aquelas que poidan ser declaradas no futuro.
 
O presente decreto ten así por obxecto a creación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, para facilitar a consecución dos fins destas reservas, por considerar que para o logro dos seus obxectivos é primordial o intercambio de experiencias e coñecementos.
 
O decreto estrutúrase en dous artigos, unha disposición adicional e tres disposicións derradeiras. Neste senso, o artigo 1 procede á creación da Rede de reservas da biosfera de Galicia e os seus obxectivos recóllense no artigo 2.
 
 
Artigo 1. Obxecto
 
1.- Este decreto ten por obxecto crear a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, na cal se inclúen os espazos declarados Reserva da Biosfera, pola UNESCO, situados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
 
2.- Os espazos situados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan declarados Reservas da Biosfera pola UNESCO con posterioridade á entrada en vigor deste decreto pasarán a integrarse na Rede de Reservas da Biosfera de Galicia.
 
Artigo 2. Obxectivos da Rede de reservas da biosfera de Galicia
 
Os obxectivos da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, respecto dos espazos incluídos nela, son:
 
a) Servir de instrumento para a creación de novos vínculos e o reforzamento dos xa existentes.
b) Propiciar a colaboración para avanzar na consecución das funcións de conservación, desenvolvemento e apoio loxístico das Reservas da Biosfera.
c) Fomentar a cooperación, promovendo a realización de proxectos comúns.
d) Constituír a canle adecuada para o intercambio de coñecementos e experiencias.
e) Colaborar con outras redes territoriais ou temáticas do Programa sobre o Home e a Biosfera.
f) Reforzar a posta en valor dos espazos declarados reservas da biosfera na Comunidade Autónoma de Galicia como elementos que contribúen ao desenvolvemento sustentable e á mellora do benestar da poboación.
g) Promover o coñecemento e difusión dos valores nos espazos declarados reservas da biosfera na Comunidade Autónoma de Galicia.
 
Disposición adicional única. Obxectivo de igualdade
 
Na exercicio e desenvolvemento da aplicación deste decreto terase en conta a perspectiva de xénero.
 
Disposición derradeira primeira. Órgano de xestión da Rede de reservas da biosfera de Galicia
 
Mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia crearase un órgano colexiado de xestión da Rede de reservas da biosfera de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de ambiente e cuxa presidencia exercerá a persoa titular da devandita consellería.
 
Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa
 
Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e ás materias propias do seu departamento.
 
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
 
Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2017/10/13: A Xunta de Galicia aproba a creación da Rede Galega de Reservas da Biosfera
Compartir
 
Descargas
Voltar