Martes, 24 de Outubro de 2017

2017/10/24: Arranca o proxecto transnacional LIFE FLUVIAL, liderado en Galicia polo IBADER do Campus de Lugo

O 24 de outubro presentouse no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo o proxecto LIFE FLUVIAL LIFE16 NAT/ES/000771, "Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica", no cal participa como beneficiario asociado o IBADER do Campus de Lugo. O proxecto é coordinado pola Universidade de Oviedo, contando cun orzamento de 3.032.223 €, dos cales a Comisión Europea acaba de aprobar un cofinanciamento do 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria LIFE outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto será de 48 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021.





O obxectivo xeral de LIFE FLUVIAL é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, o proxecto desenvolve unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte). A transnacionalidade é un dos aspectos fortes do proxecto, posto que este xorde como resultado da colaboración entre 8 organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal:
 
IBADER-Universidade de Santiago de Compostela
INDUROT-Universidade de Oviedo
Instituto Superior de Agronomia (ISA) - Universidade de Lisboa
Asociación InterEo
Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos
Concello de Ribadeo
EMALCSA - Empresa Municipal de Augas de La Coruña S.A.
TRAGSA - Empresa de Transformación Agraria S.A.
 
O proxecto foi fortemente apoiado por máis de 50 proxectos nacionais ou internacionais, organismos públicos, entidades locais, asociacións, centros de investigación e científicos de varios países, que outorgaron un apoio incondicional á candidatura ao considerala de gran interese de cara á posta en marcha de estratexias de xestión sostible en corredores fluviais, e a súa aplicación a outros territorios.






A presentación no consistorio ribadense foi un rotundo éxito, xa que contou cunha nutrida representación dos apoios anteriormente citados (máis de 20 concellos, diputacións provinciais, organismos autonómicos e estatais, asociacións de desenvolvemento rural, empresas públicas e privadas, etc.). Participaron na mesma o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo da USC, Andrés Barreiro Lois; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e os directores do Ibader da USC, Pablo Ramil Rego, e do Indurot da Universidade de Oviedo, Jorge Marquínez García, ademais do director Xeral de Biodiversidade do Principado de Asturias, Manuel Calvo, e  doutros responsables técnicos destes institutos universitarios.





Dentro do ámbito do proxecto, factores de ameaza como especies invasoras, intensificación de usos ou problemas fitosanitarios, xeran a deterioración e fragmentación dos hábitats dos corredores fluviais. Estas ameazas inciden sobre a calidade e continuidade dos bosques higrófilos, hábitat principal ao que vai dirixido o proxecto, considerado de carácter prioritario (91E0* Bosques aluviais con Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior) e peza clave no mantemento da composición, estrutura e funcionalidade dos corredores fluviais. O proxecto achega estratexias de xestión transnacional que permitan mitigar e corrixir os efectos negativos das ameazas identificadas, así como evitar a súa expansión cara a outros territorios da UE. O proxecto considera outro hábitat obxectivo: 9230 Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica, que representa a continuidade co tipo de hábitat 91E0*.





Para alcanzar o obxectivo xeral formúlanse obxectivos específicos encamiñados a combater a degradación dos hábitats e as ameazas detectadas:
- Desenvolvemento dun modelo transnacional de xestión sostible de corredores fluviais para a mellora do seu estado de conservación, mediante a restauración da composición, estrutura e funcionalidade dos seus tipos de hábitats, a mellora da conectividade e a redución da fragmentación
- Control de flora exótica e invasora
- Mellora do estado fitosanitario dos corredores fluviais, mediante a retirada parcial de árbores mortas.
- Difusión e sensibilización dos valores naturais, beneficios socioeconómicos e servizos ecosistémicos prestados polos corredores fluviais.
- Mellora da formación e capacitación técnica dos axentes implicados na xestión e conservación dos corredores fluviais.





As accións propostas responden aos obxectivos específicos do proxecto.
 
1. Accións preparatorias
Avaliación previa dos enclaves de actuación, indicadores comúns para o seguimento, planificación técnica das accións, proxecto de expropiación.
 
2. Adquisición de terreos
Adquisición, mediante expropiación, de terreos lindantes coa ribeira fluvioestuarina no municipio de Ribadeo (Galicia), co fin de naturalizar os devanditos terreos mediante a eliminación de eucalipto e a restauración dos hábitats naturais.
 
3. Accións de conservación
Defínense 8 accións de conservación en tramos altos, medios e baixos de distintas cuncas fluviais de 9 espazos Natura 2000 de Galicia, Asturias e Portugal, para a mellora do estado de conservación dos corredores fluviais, principalmente do tipo 91E0*. As tarefas incluídas nestas accións son: control de especies invasoras, a eliminación de ameneiros mortos, restauración de cuberta vexetal natural.
 
4. Accións de monitorización
Accións de seguimento para medir o impacto do proxecto sobre os hábitats obxectivo, para avaliar o impacto socioeconómico do proxecto, para valorar o impacto do proxecto sobre as funcións ecosistémicas, así como para analizar o progreso do proxecto.
 
5. Sensibilización pública e difusión dos resultados
Estas accións inclúen un Plan de Comunicación, deseño, elaboración e instalación de materiais e equipamentos informativos, didácticos e de sensibilización, deseño e implementación dun programa de sensibilización e difusión, edición dun boletín electrónico informativo, posta en marcha de páxina web, establecemento de relacións con outros proxectos de temática similar.
 
6. Xestión do proxecto
Cobre todo o proceso de xestión e coordinación do proxecto, incluídos os procedementos apropiados de auditoría e a elaboración dun Plan de Conservación post LIFE.





Os resultados esperados das accións anteriores serán os seguintes:
  • Diagnóstico, planificación técnica de accións de conservación.
  • Adquisición de 33 parcelas (44.579 m2), para a súa restauración a bosque autóctono (91E0* e 9230)
  • 8 accións de conservación (55,5 ha) en 9 espazos Natura 2000 de Galicia, Asturias e Portugal, incluíndo:
  • Control de especies exóticas invasoras (35,3 ha).
  • Eliminación de ameneiros mortos por Phytophthora spp.
  • Restauración da vexetación natural: 51,1 ha de 91E0* e 4,4 ha de 9230.
  • Accións de seguimento sobre:
    • Hábitats
    • Servizos ecosistémicos
    • Impacto socioeconómico do proxecto
    • Indicadores de progreso do proxecto.
  • Sensibilización pública, capacitación técnica e difusión de resultados.

O acto de presentación continuou cun xantar de confraternización entre os socios do proxecto LIFE FLUVIAL e todos os convidados ao acto, para posteriormente rematar facendo unha visita aos enclaves do proxecto na Ría de Ribadeo.


2017/10/24: Arranca o proxecto transnacional LIFE FLUVIAL, liderado en Galicia polo IBADER do Campus de Lugo
Compartir
 
Voltar