Luns, 26 de Marzo de 2018

2018/03/23: Presentación de LIFE BACCATA e LIFE FLUVIAL en Ribadeo

O venres 23/03/2018, celebrouse no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo (Lugo) unhas xornadas sobre as Reservas da Biosfera nas que participaron distintos integrantes do Consello Científico e do Consello de Xestores do Comité Español do Programa Home e a Biosfera da UNESCO. As xornadas serviron para amosar os resultados de distintos proxectos levados a cabo nas Reservas da Biosfera Cantabro-Atlánticas e Pirenaicas. A xornada empezou ás 16:30 h. A entrada foi libre, contando cunha significativa representación de público.





Como mostra dos proxectos desenvolvidos no devandito ámbito territorial, o IBADER do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela acudiu a esta cita para presentar os proxectos que se atopa a desenvolver na actualidade.





En primeiro lugar, presentouse o LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771) "Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica" , a cargo de Jorge Marquínez García, director do INDUROT da Universidade de Oviedo, en calidade de director do proxecto. No proxecto participa como beneficiario asociado o IBADER do Campus de Lugo, sendo coordinado pola Universidade de Oviedo, contando cun orzamento de 3.032.223 €, dos cales a Comisión Europea outorga un cofinanciamento do 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria LIFE outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto será de 48 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021.





O obxectivo xeral de LIFE FLUVIAL é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, o proxecto desenvolve unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte). A transnacionalidade é un dos aspectos fortes do proxecto, posto que este xorde como resultado da colaboración entre 8 organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal:

 
IBADER-Universidade de Santiago de Compostela
INDUROT-Universidade de Oviedo
Instituto Superior de Agronomia (ISA) - Universidade de Lisboa
Asociación InterEo
Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos
Concello de Ribadeo
EMALCSA - Empresa Municipal de Augas de La Coruña S.A.
TRAGSA - Empresa de Transformación Agraria S.A.
 
O proxecto foi fortemente apoiado por máis de 50 proxectos nacionais ou internacionais, organismos públicos, entidades locais, asociacións, centros de investigación e científicos de varios países, que outorgaron un apoio incondicional á candidatura ao considerala de gran interese de cara á posta en marcha de estratexias de xestión sostible en corredores fluviais, e a súa aplicación a outros territorios.





A continuación, Javier Ferreiro da Costa procedeu á presentación do proxecto LIFE BACCATA (LIFE15 NAT/ES/000790) "Conservando e restaurando bosques de teixo na Cordilleira Cantábrica", en calidade de xestor técnico do mesmo. O beneficiario coordinador do proxecto é o IBADER do Campus de Lugo da USC, e conta con outros 4 beneficiarios asociados: TRAGSAFundación CESEFORJunta de Castilla y León e HAZI Fundazioa. O orzamento global son 1.925.104 €, cofinanciado pola Unión Europea nun 75% (1.441.649 €), proporción que supón o máximo que outorga a convocatoria LIFE para aqueles proxectos que son considerados como prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto será de 52 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2016 ao 31 de decembro de 2020.





O proxecto LIFE BACCATA posúe como obxectivo a mellora do estado de conservación do tipo de hábitat prioritario 9580* “Bosques mediterráneos de Taxus baccata” en 15 Espazos Protexidos da Rede Natura 2000 da Cordillera Cantábrica, mediante o incremento da súa área de ocupación, a mellora da súa estrutura e funcionalidade, así como das súas perspectivas futuras. O proxecto abrangue igualmente unha serie de medidas de difusión e transferencia dos resultados acadados, así como un programa de información e sensibilización ao público en xeral sobre a importancia do hábitat 9580*, os valores da biodiversidade albergada, e os servizos prestados polos ecosistemas abordados polo proxecto.





A presentación realizada por
Javier Ferreiro da Costa resultou de gran interese, xa que na mesma puideron presentarse os resultados preliminares do mostreo xenético desenvolvido polo proxecto. Ademais, comentáronse as actuacións máis salientables do proxecto para o actual ano 2018, e se detallaron os obxectivos do mesmo á súa finalización.



 
2018/03/23: Presentación de LIFE BACCATA e LIFE FLUVIAL en Ribadeo
Compartir
 
Voltar