Venres, 23 de Marzo de 2018

2018/03/23: Información pública do PRUX do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

ANUNCIO do 5 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública o Proxecto de decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. (Diario Oficial de Galicia 59, 23/03/2018).

O Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril) no seu artigo 27.30 faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección do ambiente e da paisaxe nos termos establecidos no artigo 149.1.23 da Constitución española.

O artigo 12 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, establece que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos.




O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia foi declarado pola Lei 15/2002, do 1 de xullo, creándose así o primeiro parque nacional en Galicia, que integra o espazo mariño e terrestre dos arquipélagos das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Forman parte do parque nacional aqueles espazos naturais protexidos ao amparo da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, zonas de especial conservación (ZEC) ZEC Illas Cíes (ES0000001), ZEC Complexo Ons-O Grove (ES1140004), ZEC Complexo húmido de Corrubedo (ES1110006), zona de especial protección para as aves (ZEPA) Illa de Ons (ES0000254) e ZEPA Illas Cíes (ES0000001), que están dentro do perímetro do parque nacional, e ten o seu plan director da rede Natura 2000 de Galicia aprobado mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo.

Con posterioridade, a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Mariño), mediante a Orde AAA/1260/2014, do 9 de xullo, pola que se declaran zonas de especial protección para as aves en augas mariñas españolas, incluíu o territorio do parque nacional dentro da ZEPA ES0000499 Espazo mariño das Rías Baixas de Galicia.

Así mesmo, o 23 de xuño de 2008, o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia integrouse na rede OSPAR de áreas mariñas protexidas, rede creada baseándose no Convenio para a protección do medio mariño do Atlántico Nordeste (Convenio de Oslo-París, OSPAR), adoptado en París o 22.9.1992 e ratificado por España o 25.1.1994. Este convenio ten como obxectivo principal a adopción das medidas necesarias para protexer e conservar os ecosistemas e a diversidade biolóxica da zona marítima e, a ser posible, a recuperación das zonas mariñas que padeceron efectos nocivos.

Ao estar incluído nun espazo protexido da rede Natura 2000, conta xa cun plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) aprobado mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da rede Natura 2000 de Galicia. Non obstante, o espazo está sometido a presións, principalmente de uso público, que xustificaron a elaboración dun plan específico en aplicación da disposición derradeira terceira do dito decreto.

Ante a necesidade de xeneralizar este enfoque preventivo co fin de harmonizar as actividades económicas e o ambiente no espazo dos arquipélagos das illas Cíes, Ons e Sálvora, procedeuse á redacción e aprobación do plan de ordenación de recursos naturais (PORN), mediante o Decreto 274/1999, do 21 de outubro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais das Illas Atlánticas. Posteriormente valorouse a oportunidade e a necesidade de integrar tamén a illa de Cortegada e o seu espazo marítimo adxacente, e aprobouse o Decreto 88/2002, do 7 de marzo, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural da illa de Cortegada e seu contorno.

Os plans de ordenación dos recursos naturais do parque nacional (Decreto 274/1999, do 21 de outubro e Decreto 88/2002, do 7 de marzo) recollen no seu articulado a necesidade de que o plan reitor de uso e xestión (de agora en diante PRUX) os desenvolva, a través do establecemento de medidas de regulación específicas das diferentes actividades, concreción das medidas de conservación dos compoñentes clave da biodiversidade, precisar os criterios de zonificación, así como a propia xestion e uso do territorio.

A Xunta de Galicia adoptaba, mediante o Decreto 23/2006, do 16 de febreiro, polo que se establecen determinadas medidas de xestión no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, as primeiras medidas en materia de xestión para o parque nacional, establecendo fundamentalmente os seus órganos de xestión.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, establece o réxime xurídico básico da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade no territorio español, como parte do deber de conservar e do obxectivo de garantir os dereitos das persoas a un medio idóneo para o seu benestar, saúde e desenvolvemento.

Neste sentido, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, indica no seu artigo 31.5 que nos parques se elaborarán os plans reitores de uso e xestión, cuxa aprobación corresponderá ao órgano competente da comunidade autónoma. As administracións competentes en materia urbanística emitirán informe preceptivamente sobre os ditos plans antes da súa aprobación. Nestes plans, que serán periodicamente revisados, fixaranse as normas xerais de uso e xestión do parque. Así mesmo, establece, no seu artigo 31.6, que os plans reitores prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e que cando as súas determinacións sexan incompatibles coas da normativa urbanística en vigor, esta será revisada de oficio polos órganos competentes.

Segundo o establecido no artigo 31 de Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, os plans reitores de uso e xestión deberán ser periodicamente revisados. Así mesmo, o artigo 20.11 da Lei 30/2014, do 3 de decembro, de parques nacionais, dispón que a vixencia do plan reitor de uso e xestión deberá de ser, como mínimo, de 10 anos.

O plan poderá ser revisado con anterioridade ao seu vencemento, por iniciativa da consellería competente en materia conservación do patrimonio natural, ao amparo do artigo 36 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

Por outro lado, o artigo 33 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, indica que os plans reitores de uso e xestión desenvolven as directrices emanadas do plan de ordenación dos recursos naturais e establecen as previsións de actuacións da Administración no seu ámbito de aplicación e, en particular, a investigación, o uso público e mais a conservación, protección e mellora dos valores ambientais.

O Plan director da rede de parques nacionais (Real decreto 389/2016, do 22 de outubro, polo que se aproba o Plan director da rede de parques nacionais), inclúe os obxectivos estratéxicos dos parques nacionais en materia de conservación, uso público, investigación, seguimento, formación e sensibilización, os obxectivos para alcanzar en materia de cooperación e colaboración, tanto no ámbito nacional como internacional, as actuacións necesarias para manter, promover e impulsar a imaxe e a coherencia interna dos parques nacionais, as directrices básicas para a planificación, conservación e coordinación, o programa de actuacións comúns da rede e os procedementos para o seu seguimento continuo e avaliación, así como a determinación dos proxectos de interese xeral que poderán ser obxecto de financiamento estatal, obxectivos incluídos no documento do PRUX.

Como paso previo para a elaboración do plan reitor de uso e xestión elaborouse un documento preliminar, que foi sometido a participación pública en virtude do establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Este documento estivo exposto ao público e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio durante un período de vinte días hábiles (20).

En consecuencia, sométese o proxecto de decreto a información pública, en virtude do establecido nos artigos 20 da Lei 30/2014, do 3 de decembro, de parques nacionais, e nos artigos 35 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública o Proxecto do decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, por un período de 45 días naturais, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de se poder remitir as observacións e opinións que se consideren mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico iatlanticas@xunta.gal, poñendo no asunto: PRUX PNMTIAG.

Segundo. Durante o citado prazo, o Proxecto de decreto do Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.
– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación del Territorio de A Coruña, rúa de Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.
– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Pontevedra, avenida de Fernández Ladreda, 43-1º-4º, 36071 Pontevedra.
– Sede do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, rúa Oliva, 3, 36202 Vigo.
– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: http://cmaot.xunta.gal/tema/c/cmaot_ Conservacion.

Terceiro. Igualmente, durante o dito prazo poderase consultar o texto do Proxecto de decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na seguinte ligazón do portal da transparencia da Xunta de Galicia:

http://transparencia.xunta.gal/tema/información-de-relevancia-xurídica/normativa-en-tramitación/en-prazo-de-envio-de-suxestions.

Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado con anterioridade.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018
Directora Xeral de Patrimonio Natural
 
Fonte: Xunta de Galicia (DOG)
2018/03/23: Información pública do PRUX do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia
Compartir
 
Voltar