Mércores, 21 de Marzo de 2018

2018/03/21: Xunta e sector turístico colaborarán esta Semana Santa na difusión do novo sistema de acceso a Cíes entre os visitantes

As directoras de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, e a de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe ás axencias de viaxes e operadores turísticos o novo sistema de autorizacións para o acceso ás Illas Cíes co fin de darlle a maior difusión posible entre os visitantes interesados en viaxar ao Parque Nacional durante esta Semana Santa.

A principal novidade consiste na obriga por parte dos viaxeiros de obter unha autorización previa de acceso, de carácter persoal e intransferible, a través da páxina web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal, habilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O novo sistema, que leva unha semana operativo e a través do cal xa se emitiron 1.500 autorizacións sen que se rexistraran incidencias, é moi similar ao implantado con éxito dende o ano 2015 para acceder á Praia das Catedrais.

Durante a reunión, as axencias mostraron o seu interese en coñecer a fondo todas as novidades para poder ofrecer esta información aos turistas que acudan a eles coa intención de visitar o Parque Nacional durante a vindeira Semana Santa, coincidindo coa primeira fase de implantación do sistema.

Neste senso, un representante da Amtega resolveu as dúbidas técnicas do sector sobre a nova web e lembrou que co cambio no sistema os visitantes deberán obter primeiro un permiso administrativo para visitar a illa para posteriormente comprar o seu billete a unha das tres empresas de transporte marítimo autorizadas para realizar este servizo durante o período de Semana Santa (Mar de Ons, Nabia e rías gallegas).

Unha vez obtida a autorización preceptiva, o visitante poderá descargala no seu dispositivo móbil ou ben imprimila para a súa posterior comprobación en porto por parte do persoal do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. De feito, paralelamente tamén entrará en funcionamento un mecanismo de lectura e control dos códigos QR que levan inseridos todas as autorizacións e que estará enlazado coa web en tempo real. Isto permitirá ao persoal do parque despregado tanto nos portos de Vigo, Baiona e Cangas como no de Rodas, en Cíes, comprobar a validez das autorizacións dos pasaxeiros.

As empresas de transporte, pola súa parte, empregarán un sistema similar ao de anos anteriores para comprobar a dispoñibilidade do cupo diario para visitar as Cíes antes de proceder a emitir os billetes.

Cómpre lembrar que desde o pasado luns 19 de marzo a Dirección Xeral de Patrimonio Natural ten instalados nos portos de Vigo, Baiona e Cangas varios expositores con folletos informativos atendidos por persoal do Parque Nacional, que lle explican aos usuarios interesados en visitar Cíes as novidades no sistema de acceso.

Os cambios e melloras introducidas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para poder visitar as Illas Atlánticas pretenden evitar a posible sobre venda de billetes por parte das empresas de transporte que ofrecen este servizo. Con este obxectivo, durante a vindeira Semana Santa porase en marcha a primeira fase de implantación do novo modelo de autorizacións para acceder ás Cíes.

2018/03/21: Xunta e sector turístico colaborarán esta Semana Santa na difusión do novo sistema de acceso a Cíes entre os visitantes
Compartir
 
Voltar