Mércores, 21 de Marzo de 2018

2018/03/21: Medio Ambiente somete a participación pública o Plan reitor de usos e xestión do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia os trámites para que o Parque Natural da Baixa Limia- Serra do Xurés conte cun Plan Reitor de Usos e Xestión. Tal e como avanzou na pasada reunión da Xunta Consultiva do Parque Natural -celebrada a principios de marzo-, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a participación pública o documento de inicio, trámite previo á súa información pública.

No ano 1993 declarábase o Parque Natural da Baixa Limia – Serra do Xurés, mediante o Decreto 29/1993, de 11 de febreiro, aprobándose o seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) de acordo ao Decreto 32/1993, de 11 de febreiro. Este Parque Natural abrangue 29.345 ha, repartidas entre os concellos de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín.

O obxectivo é acadar un documento que sirva para conservar o parque natural regulando os usos que se desenvolven, co fin último de que a xestión deste espazo permita compatibilizar a actividade tradicional coa preservación do medio.

Cómpre salientar que os plans reitores de uso e xestión desenvolven as prescricións emanadas do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de cada parque e delimitarán as previsións de actuacións da administración no seu ámbito de aplicación, e en particular o uso público e a conservación, protección e mellora dos valores naturais.

Así, tras a publicación do anuncio no DOG, ábrese un período (de 20 días) de participación ao público dun documento inicial do Plan Reitor de Uso e Xestión, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas, poidan remitir observacións e opinións.

2018/03/21: Medio Ambiente somete a participación pública o Plan reitor de usos e xestión do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Compartir
 
Voltar