Venres, 16 de Marzo de 2018

2018/03/16: Medio Ambiente contará este ano cunha estratexia para a implementación da Infraestrutura Verde de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio contará ao longo deste ano cunha estratexia para a implementación da Infraestrutura Verde de Galicia. Este é o seguinte paso no que se traballará, tal e como afirmou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na inauguración da xornada sobre a infraestrutura verde de Galicia, organizada polo Instituto de Estudos do Territorio, para presentar o traballo realizado con respecto deste proxecto que impulsa o Goberno galego.

Mato Otero sinalou que despois do inventario que veñen de realizar os equipos de investigación e de traballo, que colaboran co IET, o seguinte paso é definir os criterios de xestión da Infraestrutura Verde, é dicir, cales serán as indicacións sobre como deberían xestionarse estas zonas, que usos se deben promover, e que características deberían cumprir as diferentes actividades.

A conselleira salientou o traballo realizado polos distintos grupos de traballo, que se centraron en tres tipos de servizos: os de abastecemento, como a produción de alimentos de combustible, de fibras, o subministro de auga. Nese sentido, o Laboratorio do Territorio analizou a provisión dos servizos ecosistémicos relacionados coa produción, como por exemplo a de alimentos (para o ser humano e para o gando), de recursos vexetais para produción enerxética, e tamén para a produción de madeira; así como a regulación do clima a través da redución de gases de efecto invernadoiro (fixación de carbono), o potencial para a conservación de patrimonio cultural, a capacidade de filtración de contaminantes e a calidade da paisaxe.

No caso do grupo de IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) avaliou a biodiversidade das unidades ambientais nas que se dividiu todo o territorio galego, así como os servizos ecosistémicos relacionados coa redución dos efectos do incremento do nivel do mar e cos aproveitamentos cinexéticos, piscícolas e recreativos. Esta análise tamén complementa o servizo de regulación do clima, a prevención de inundacións, a regulación do ciclo da auga, o mantemento da calidade do aire, a prevención da erosión, a polinización, etc. O terceiro dos servizos analizados é o cultural, centrándose no turismo, ocio, deporte e inspiración artística de cada ecosistema.

Tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente, unha xestión eficaz require dunha información de base sobre os servizos de cada ecosistema, xa que esta será de gran utilidade a todos os xestores e aos distintos responsables na toma de decisións de cara á ordenación do territorio.

Grazas ao traballo realizado ata o momento xa podemos concluír que a futura Infraestrutura Verde de Galicia estará constituída por catro zonas diferenciadas: as zonas núcleo, que son áreas de maior valor ecolóxico, constituídas fundamentalmente polos espazos naturais protexidos; os corredores ecolóxicos, territorios que conectan espazos naturais de singular relevancia separados entre sí; as áreas de amortiguación, zonas necesarias para o mantemento e a funcionalidade ecolóxica dos corredores e das áreas núcleo; e as zonas multifuncionais, nas que se promovan usos do solo que axuden a manter ou rexenerar uns ecosistemas biodiversos e sans (fronte a outras actividades incompatibles).

Engadiu que con esta iniciativa Galicia situarase na vangarda e avanza no camiño que marca a Comisión Europea, que desde o 2013 está a desenvolver unha estratexia para unha Infraestrutura Verde Europea, definida como un concepto que integra a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos (de produción, regulación e culturais) e a mitigación e adaptación ao cambio climático.

2018/03/16: Medio Ambiente contará este ano cunha estratexia para a implementación da Infraestrutura Verde de Galicia
Compartir
 
Voltar