Con este obxectivo, promoveranse un total de 19 obradoiros participativos que percorrerán todos os concellos que integran a zona xeográfica de traballo e servirán para testar a opinión da poboación sobre a protección de zonas naturais e a orientación dos usos e aproveitamentos do territorio desde unha perspectiva medio ambiental.
A través deste proxecto, presentado oficialmente o pasado mes de outubro, Galicia adiántase a un futuro requirimento tanto de Europa como de España para promover estes instrumentos de planificación de zonas naturais e doutros elementos co fin de garantir a provisión de todo tipo de servizos ambientais e a protección da biodiversidade das áreas urbanas e tamén rurais.
Para deseñar esta novedosa Infraestrutura Verde da Coruña, a primeira zona elixida para ser obxecto dunha ordenación integral do territorio desde un punto de vista ambiental, o departamento autonómico quere contar coa colaboración activa tanto da sociedade civil como do resto de administracións. Así, xa no mes de xaneiro abriuse o proxecto á participación dos 30 concellos que integran a área da Coruña co fin de articular un espazo de colaboración intermunicipal para a xestión da iniciativa.
Coa organización agora destes 19 obradoiros, que comezaron a semana pasada e percorrerán os concellos desta área xeográfica ata comezos de maio, Medio Ambiente estende o proceso de participación á cidadanía en xeral e aos distintos axentes socioeconómicos interesados en aportar as súas ideas. Hoxe mesmo celebrouse o terceiro destes talleres participativos no Concello de Carral e a seguinte cita está prevista para o xoves, 1 de marzo, en Culleredo.
Todas as opinións e propostas recollidas serán analizadas e tidas en conta nos traballos de elaboración da Infraestrutura Verde, integrándoas tanto na análise e diagnóstico do ámbito territorial como no posterior deseño e planificación da iniciativa e nos proxectos de desenvolvemento da mesma.
Participación en catro etapasCómpre lembrar que a Infraestrutura Verde da Área da Coruña é unha iniciativa pioneira na comunidade e en cuxo deseño están traballando desde finais do ano pasado o Instituto de Estudos do Territorio (IET), a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Fundación Juana de Vega, a Asociación de Desenvolvemento Rural ‘Mariñas Betanzos’ e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.
O desenvolvemento da Infraestrutura Verde da Área da Coruña articularase en catro fases. A primeira delas incluirá unha serie de enquisas aos alcaldes co fin de recadar datos sobre os principais proxectos de cada municipio en materia ambiental e para a protección dos seus ecosistemas, que se utilizarán despois na elaboración do proxecto; e a seguinte centrarase na análise dos resultados das entrevistas e tamén dos estudos realizados por todas as entidades implicadas no deseño do proxecto.
A partir da documentación aportada polo equipo técnico, traballarase na definición dos obxectivos e proxectos concretos da Infraestrutura Verde da Área da Coruña e no seu plan de acción. E a cuarta e última etapa, servirá para impulsar e facer un seguimento da estratexia.