Os técnicos da Dirección Xeral representados nunha reunión da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón lembraron que o Diario Oficial de Galicia xa fixo pública a orde pola que se regula esta liña de subvencións, dirixidas a concellos e a particulares, que consigna un importe global de case 2,5 millóns de euros para os dous vindeiros exercicios.
Trátase de axudas para a realización de investimentos non produtivos para acadar os obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito da Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Así, serán subvencionables as actuacións dirixidas á mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, como a creación de cercas, sebes, mellora da paisaxe rural, restauración de muros; roteiros, equipamentos de información e interpretación; mellora do carácter de utilidade pública de Natura 2000; sinalización de carreiros e outras de análoga natureza; accións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais necesarios para o mantemento da paisaxe agraria tradicional, como hórreos, miradoiros, cabanas, valados, fontes e calquera outras de análoga ou similar natureza; e tamén actuacións para a preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais, de especies ameazadas ou de interese comunitario.
Os beneficiarios destes investimentos son as persoas titulares de terreos agrícolas e forestais, os concellos, as asociacións ambientais e de custodia do territorio e, no caso das axudas en parques naturais, as empresas con domicilio fiscal nun municipio dentro dun parque.
Co ánimo de chegar aos maior número de beneficiarios establécense uns importes máximos das mesmas, que en ambos casos concederase o 100% do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 20.000 € por proxecto, no caso de que a persoa beneficiaria sexa un concello e de ata 12.000 €/proxecto nos restantes casos.
O Plan de Desenvolvemento Rural, no que se inscriben estas axudas, recolle entre as súas liñas básicas de actuación conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático e mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza.
Eliminación de especies invasorasOs técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén avanzaron que de xeito inmediato se iniciarán as medidas de xestión das especies de flora e fauna invasoras en varios puntos do Concello de Ribadeo e nas proximidades da praia Arealonga, no Concello de Barreiros.
Trátase da execución de traballos para a eliminar a presenza de Carpobrotus sp, Cortadeira selloana e Agave americana, cun presuposta de case 150.000 euros para actuar en distintos puntos da provincia de Lugo. No caso concreto de Ribadeo, as accións de control e erradicación centraranse na N-640 (á altura do km 14,5) en Rinlo, na Ensenada das Cegoña e na Praia dos Castros.