Venres, 12 de Xaneiro de 2018

2018/01/12: Medio Ambiente propón a 30 concellos impulsar de xeito compartido o proxecto de Infraestrutura Verde da área de Coruña

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio impulsará o proxecto de Infraestrutura Verde da Área da Coruña a través dun espazo de xestión conxunta aberto aos 30 concellos que forman parte deste territorio xeográfico. Así o adiantou esta mañá a conselleira Beatriz Mato no transcurso dunha reunión de traballo no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros, na que participaron alcaldes e representantes municipais dos concellos da área coruñesa.

Con este proxecto, presentado oficialmente o pasado mes de outubro, Galicia adiántase a un futuro requirimento tanto de Europa como de España para promover estes instrumentos de planificación de zonas naturais e doutros elementos co fin de garantir a provisión dos servizos ambientais, demandados pola sociedade, e a protección da biodiversidade das áreas urbanas e tamén das rurais.
 

Para xestionar esta novidosa infraestrutura verde da Coruña, o departamento autonómico aposta por un novo sistema de “gobernanza” do territorio cunha dimensión intermunicipal. Por iso, a titular de Medio Ambiente fixo un chamamento aos concellos presentes para que se sumen a ese novo “espazo voluntario” de participación horizontal no que “poder debater de forma ordenada” sobre os desafíos ambientais e proxectos comúns e poder crear “unha estratexia compartida”.

En opinión da conselleira, levar a cabo este proxecto na área da Coruña será un “gran reto” no que o departamento que dirixe, subliñou, exercerá o papel de “actor principal” pero sempre da man dos concellos.
 

“Somos interdepedentes”, indicou Mato Otero, para quen “a cooperación entre concellos e Xunta é unha esixencia” para garantir a sustentabilidade do territorio, sen a cal dificilmente poderán levarse a cabo proxectos coma este coa “plena seguridade de que responde ás necesidades dos nosos veciños e son compatibles co interese xeral”.

Participación en catro etapas


O desenvolvemento da Infraestrutura Verde da Área da Coruña, cuxo deseño estará previsiblemente rematado no mes decembro, articularase en catro fases. A primeira delas incluirá unha serie de enquisas aos alcaldes co fin de recadar datos sobre os principais proxectos de cada municipio en materia ambiental e para a protección dos seus ecosistemas que se utilizarán despois na elaboración do proxecto.
A seguinte fase centrarase na análise dos resultados das entrevistas e tamén dos estudos realizados polas entidades sobre as que recaerá o deseño do proxecto: o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega, a Asociación de Desenvolvemento Rural "Mariña Betanzos" e o Instituto Tecnolóxico de Galicia.

A partir da documentación aportada polo equipo técnico, traballarase na definición dos obxectivos e proxectos concretos da Infraestrutura Verde da Área da Coruña e no seu plan de acción. E a cuarta e última etapa, servirá para impulsar e facer un seguimento da estratexia.

2018/01/12: Medio Ambiente propón a 30 concellos impulsar de xeito compartido o proxecto de Infraestrutura Verde da área de Coruña
Compartir
 
Voltar