Xoves, 11 de Xaneiro de 2018

2018/01/11: A Xunta inicia a tramitación do plan reitor de usos e xestión do Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

A Xunta de Galicia inicia hoxe a tramitación do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan en 2018, tal e como comprometera a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se acorda someter a participación pública o documento de inicio para a elaboración do Plan reitor deste parque natural. Asemade, ao longo das vindeiras semanas tamén se celebrarán encontros e reunións cos sectores implicados para consensuar a redacción deste documento.

O obxectivo é acadar un documento que sirva para conservar o parque natural regulando os usos que se desenvolven, co fin último de que a xestión deste espazo permita compatibilizar a actividade tradicional coa preservación do medio.

Cómpre salientar que os plans reitores de uso e xestión desenvolven as prescripcións emanadas do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de cada parque e delimitarán as previsións de actuacións da administración no seu ámbito de aplicación, e en particular a investigación, o uso público e a conservación, protección e mellora dos valores naturais.

No caso de Corrubedo, este parque destaca pola súa extensa duna móbil (1 km de longo, 250 m ancho e 15 m alto), que é un dos maiores atractivos deste espazo natural, pero non o único. O Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un excelente exemplo de complexo-lagoa litoral en Galicia. Conta cun extenso sistema dunar de gran valor natural e paisaxístico e alberga moitos tipos de hábitats nun espazo relativamente reducido. Abrangue 996 ha, sendo o quinto en extensión dos seis parques naturais galegos. Foi o segundo de Galicia, declarado o 15/06/1992.

Así, o futuro PRUX determinará os programas que fagan compatible a protección dos espazos protexidos co uso público e que se desenvolverán en colaboración con outros departamentos administrativos da Xunta.
2018/01/11: A Xunta inicia a tramitación do plan reitor de usos e xestión do Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán
Compartir
 
Voltar