Ambas actuacións están financiadas con cargo ao proxecto europeo POCTEP Gerês-Xurés dinámico, que conta cun orzamento global de 1.971.901,55€ e se desenvolverá ata o 31 de decembro de 2019. A relevancia deste programa vén dada polo feito de que esta reserva é o único espazo natural protexido de carácter transnacional localizado na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e polo feito de incluír actuacións específicas para consolidar a imaxe da reserva e fomentar a participación social e a integración institucional e sectorial nas actividades que nela se desenvolven.
Durante a reunión de hoxe, presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, os membros do órgano directivo puideron coñecer o deseño do novo logo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (xúntase a imaxe coa nota de prensa) así como os avances na web corporativa da Reserva, a primeira páxina con carácter institucional que terá a entidade. Así mesmo, tamén se deu conta doutras actuacións a desenvolver polos socios o vindeiro ano 2018.
O órgano de dirección da Reserva está formado, pola parte portuguesa, polo Instituto de Conservación da Natureza e as Florestas (ICNF), a Comisión de Coordinación para o Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), un representante do comité MaB de Portugal e un representante das Câmaras municipais. Pola parte galega, está representada a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, un representante dos concellos incluídos na Reserva da Biosfera e un representante do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama).
Por outra banda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, que ostenta a presidencia da reserva, informou a todos os membros do consello da recente aprobación por parte do Consello da Xunta do decreto polo que se crea a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Un dos obxectivos desta nova figura, na que se integran actualmente 6 reservas, é propiciar a colaboración, o intercambio de experiencias e o contacto con outras redes territoriais ou tématicas do Programa Home e Natureza da Unesco.
Neste sentido, a reserva Gerês-Xurés, ademais de formar parte da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, é a única con carácter transfronteirizo en toda a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, polo que a súa experiencia transnacional aportará un valor engadido á rede galega.