Venres, 01 de Decembro de 2017

2017/12/01: Medio Ambiente iniciará a tramitación do Plan reitor de usos e xestión do Parque Natural de Corrubedo en 2018

A Xunta de Galicia prevé iniciar a tramitación do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán en 2018. A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, fixo este anuncio na reunión da Xunta Consultiva do parque, onde avanzou que a principios do vindeiro ano se contactará cos sectores implicados para consensuar a redacción deste documento.

Ana María Díaz destacou que o departamento que dirixe traballa nun documento de inicio, que se presentará e no que se irá traballando de forma participada e consensuada.

Explicou que o obxectivo é acadar un documento que sirva para conservar o parque natural regulando os usos que se desenvolven, co fin último de que a xestión deste espazo permita compatibilizar a actividade tradicional coa preservación do medio.

Cómpre salientar que os plans reitores de uso e xestión desenvolven as prescripcións emanadas do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de cada parque e delimitarán as previsións de actuacións da administración no seu ámbito de aplicación, e en particular a investigación, o uso público e a conservación, protección e mellora dos valores naturais.

No caso de Corrubedo, este parque destaca pola súa extensa duna móbil (1 km de longo, 250 m ancho e 15 m alto), que é un dos maiores atractivos deste espazo natural, pero non o único. O Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un excelente exemplo de complexo-lagoa litoral en Galicia. Conta cun extenso sistema dunar de gran valor natural e paisaxístico e alberga moitos tipos de hábitats nun espazo relativamente reducido. Abrangue 996 ha, sendo o quinto en extensión dos seis parques naturais galegos. Foi o segundo de Galicia, declarado o 15/06/1992.

Así, o futuro PRUX determinará os programas que fagan compatible a protección dos espazos protexidos co uso público e que se desenvolverán en colaboración con outros departamentos administrativos da Xunta.

Investimento

Por outra banda, a directora xeral de Patrimonio Natural aproveitou a xuntanza para presentar a memoria das actividades desenvolvidas neste espazo durante o ano 2017 e recordou que a Xunta investiu máis de 230.000 euros en distintas actuacións de mantemento e conservación do parque. Entre elas, destacou a posta en marcha do servizo para o deseño e execución das campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza e educación ambiental, que se manterá durante o 2018.

2017/12/01: Medio Ambiente iniciará a tramitación do Plan reitor de usos e xestión do Parque Natural de Corrubedo en 2018
Compartir
 
Voltar