Mércores, 29 de Novembro de 2017

2017/11/29: Medio Ambiente fixará por primeira vez a capacidade de carga diaria da Illa de Ons

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, avanzou esta mañá que o futuro Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia proporá fixar por primeira vez unha capacidade de carga diaria máxima na Illa de Ons. Así lle lo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural ás asociacións ecoloxistas Verdegaia, Luita Verde, Anduxia, Amigos da Terra, SEO e WWF España, convocados a unha reunión para informarlles do contido do documento de inicio do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional.

A representante da Consellería de Medio Ambiente explicou que esta é unha das principais novidades que recollerá o futuro PRUX, que agora está na fase de participación pública. Lembrou que Ons carecía, ata o momento, de cupo establecido aínda que si había un control sobre o acceso. A partir de agora a proposta pasará por establecer unha capacidade máxima diaria de carga de 1.800 persoas.

Ana María Díaz indicou que para regular o uso público deste espazo estableceranse cotas máximas de visitante por día, tanto para a tempada alta como para a baixa. A finalidade é compatibilizar o uso público e as actividades recreativas e deportivas cos obxectivos de conservación do Parque Nacional, ordenar e facilitar o gozo do visitante baseado nos valores do Parque, de modo que se compatibilice coa súa conservación.

A directora xeral indicou que no caso do resto dos arquipélagos, a idea é non incrementar e que no caso das Illas Cíes a previsión da Xunta poderá pasar por unha minoración da capacidade total de acceso, co fin de preservar os valores de cada un dos illotes e garantir aos visitantes que a súa visita se desenvolva con normalidade e nun ambiente relaxado, que lle permita gozar dunha experiencia acorde aos valores que caracterizan o parque natural.

Explicou que esta posibilidade de axuste nos cupos adóptase despois de escoitar e recoller as impresións que os visitantes trasladaron nas enquisas sobre a súa experiencia e visita a estes enclaves naturais, preocupación que as propias asociacións ecoloxistas puxeron en riba da mesa na reunión celebrada esta mañá. En todo caso, será unha cifra que se establecerá tras escoitar todo o proceso de participación pública que se está a realizar nestas semanas.

A Xunta persegue con este proxecto o obxectivo global de manter, ou restablece, o estado de conservación favorable dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna de interese para a conservación, tendo en conta as esixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.

Coas achegas que se presenten, así como a totalidade da información que recompile a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, elaborarase o Plan reitor que se tramitará como decreto coas súas correspondentes fases.

O PRUX será a folla de ruta na que se detallarán os obxectivos e os criterios de xestión do parque nacional, establecendo a normativa de protección, a regulación de aproveitamentos, a zonificación e as actuacións expostas para o próximos dez anos en materia de conservación, uso público, investigación, seguimento.

Usos mariños

A directora xeral tamén detallou a proposta dunha nova zonificación na que se establezan por primeira vez os posibles usos no medio mariño das diferentes illas. Esta é unha das principais novidades que se prevé recoller no futuro Plan reitor, co fin de permitir unha mellor compatibilización de usos.

A directora xeral explicou que se ten en conta, por primeira vez nun parque, o criterio bidimensional, a dimensión vertical do medio mariño. É dicir, valórase a columna de auga, os fondos mariños e as isóbatas, co fin de delimitar os usos nas distintas profundidades e ecosistemas.

A implantación deste criterio implica diferenciar zonas mariñas de uso moderado na superficie das augas mariñas e permitir así actividades e usos na superficie mentres que os fondos serían incluídos dentro doutra categoría de zonificación (zona mariña de reserva, zona mariña de uso restrinxido), co que se pretende garantir o desenvolvemento de actividades e usos coa conservación do valores do parque natural. Deste xeito, diferénciase un uso distinto ao da superficie (permitindo a navegación, por exemplo) e nos fondos mariños un uso máis restrinxido ou incluso de reserva.
2017/11/29: Medio Ambiente fixará por primeira vez a capacidade de carga diaria da Illa de Ons
Compartir
 
Voltar