Xoves, 23 de Novembro de 2017

2017/11/23: A Xunta propón regular por primeira vez os usos no medio mariño do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas

A Xunta de Galicia propón para o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia unha nova zonificación na que se establezan por primeira vez os posibles usos no medio mariño das diferentes illas. Esta é unha das principais novidades que se prevé recoller no futuro Plan reitor de uso e xestión deste parque nacional, tal e como trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, na reunión do Padroado do Parque, celebrada esta tarde en Vigo. Isto permitirá unha mellor compatibilización de usos.

A directora xeral explicou que se ten en conta, por primeira vez nun parque, o criterio bidimensional, a dimensión vertical do medio mariño. É dicir, valórase a columna de auga, os fondos mariños e as isóbatas, co fin de delimitar os usos nas distintas profundidades e ecosistemas.

A implantación deste criterio implica diferenciar zonas mariñas de uso moderado na superficie das augas mariñas e permitir así actividades e usos na superficie mentres que os fondos serían incluídos dentro doutra categoría de zonificación (zona mariña de reserva, zona mariña de uso restrinxido), co que se pretende garantir o desenvolvemento de actividades e usos coa conservación do valores do parque natural. Deste xeito, diferénciase un uso distinto ao da superficie (permitindo a navegación, por exemplo) e nos fondos mariños un uso máis restrinxido ou incluso de reserva.

Cinco zonas

A directora xeral explicou que a nova planificación das 8.480 hectáreas (7.181,8 mariñas e 1.298,2 terrestres) do parque no que se inclúen os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, prevé a división en cinco zonas:

  • De reserva: orientada á conservación da biodiversidade e á restauración dos ecosistemas, os hábitats e os núcleos poboacionais das especies nun estado favorable. Os usos limitaranse ás directamente vinculadas coa investigación, seguimento e recuperación dos seus valores ambientais.
  • De uso restrinxido: estará ligada ao mantemento de modelos tradicionais de aproveitamento dos recursos naturais que posúen un elevado grao de compatibilidade co mantemento dos compoñentes, a estrutura e o funcionamento dos ecosistemas. O acceso e desprazamentos dos visitantes terán certas limitacións e poderán desenvolverse usos tradicionais con restricións específicas.
  • De uso moderado: primará o mantemento das actividades tradicionais e o desenvolvemento do uso público dentro dos límites, compatibilizando a conservación dos valores ambientais existentes nela.
  • De uso especial: ocupadas por infraestruturas e instalacións permanentes dedicadas á xestión do parque.
  • De edificacións existentes: aquela que está integrada polos núcleos de poboación e as áreas lindantes directamente relacionadas con eles.

Díaz López explicou que o obxectivo global deste documento é o mantemento, ou restablecemento, nun estado de conservación favorable dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna de interese para a conservación, tendo en conta as esixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.

O documento presentado esta tarde constitúe a fase inicial da elaboración do PRUX, no que se recolle unha breve descrición do espazo, os antecedentes relativos ás súas figuras de protección, o marco legal e as súas principais fortalezas e ameazas.

Salientou que tamén representa o inicio da participación pública para a elaboración deste documento, polo que nos próximos 20 días se explicará aos distintos axentes sociais o contido deste proxecto e os obxectivos que se persegue. Ana maría Díaz aclarou que é un xeito de presentar un documento base para que a sociedade poida expresar as súas opinións e inquedanzas respecto deste proxecto.

Coas achegas que se presenten, así como a totalidade da información que recompile a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, elaborarase o Plan reitor que se tramitará como decreto coas súas correspondentes fases.

O PRUX será a folla de ruta na que se detallarán os obxectivos e os criterios de xestión do parque nacional, establecendo a normativa de protección, a regulación de aproveitamentos, a zonificación e as actuacións expostas para o próximos dez anos en materia de conservación, uso público, investigación, seguimento.


Fonte: Xunta de Galicia
2017/11/23: A Xunta propón regular por primeira vez os usos no medio mariño do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas
Compartir
 
Voltar