O convenio relativo aos humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas é un tratado intergobernamental que proporciona o marco para a acción nacional e a cooperación internacional en favor da conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos.
O Parque Nacional Marítimo-Terrestre da Illas Atlánticas de Galicia, formado por catro arquipélagos situados nas Rías Baixas galegas, constitúe unha excelente representación dos humidais mariños e costeiros da costa atlántica ibérica, cun elevado valor de conservación e nun gran estado de preservación. Está constituído na súa maior parte por augas mariñas, unha fracción importante delas de escasa profundidade. Os medios costeiros, como praias, dunas, cantís e grutas mariñas supoñen unha proporción destacable da súa superficie terrestre, albergando especies e hábitats de varias especies importantes para a conservación, entre elas numerosas colonias reprodutoras de aves acuáticas. Cabe destacar tamén o valor do patrimonio histórico e cultural, que inclúe importantes pesqueiras artesanais e asentamentos históricos e prehistóricos ligados ao mar.
Os catro arquipélagos do Parque Nacional comparten características comúns en canto a estes valores patrimoniais, e están conectados por unha intrincada rede de interaccións ecolóxicas e culturais. Adicionalmente, constitúen unha única unidade de xestión cunha figura de protección que garante a súa preservación a longo prazo.
A zona proposta cumpre sete dos nove criterios para a identificación de humidais de importancia internacional establecidos por Ramsar. Entre eles cabe destacar a existencia dunha extensa rede de covas mariñas, exemplo representativo de sistemas hídricos subterráneos ou a presenza de importantes colonias de cría de gaivota patiamarela (Larus michahellis) e corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Ademais, as augas mariñas do Parque Nacional albergan unha elevada diversidade de especies de peixes, representando para estas unha zona clave para a súa alimentación e reprodución.
Na Comunidade Autónoma existen na actualidade cinco humedais incluídos no Convenio Ramsar: o Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; as Rías de Ortigueira e Ladrido; o Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a Lagoa e areal de Valdoviño; e a Ría do Eo.
Cómpre lembrar que o Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e créase o Inventario de humidais de Galicia establece, na súa Disposición adicional única, que a declaración como sitio Ramsar dun humidal levará consigo automáticamente a súa consideración como humidal protexido cos efectos inherentes a esta declaración.
O convenio Ramsar foi adoptado no ano 1971 na cidade de Ramsar (Irán) e entrou en vigor a finais de 1975 e foi ratificado o 18 de marzo de 1982 por España, sendo o único tratado ambiental mundial que trata dun ecosistema en particular: os humidais. Neste convenio, ratificado por 169 países, están inscritos na actualidade 2.282 humidais que cobren unha superficie de máis de 220 millóns de hectáreas.