Venres, 27 de Outubro de 2017

2017/10/27: O deseño da primeira infraestrutura verde de Galicia será unha realidade a finais de 2018

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, adiantou esta mañá que o deseño da primeira Infraestrutura Verde de Galicia será unha realidade a finais de 2018. Así o puxo de manifesto esta mañá durante a intervención na xornada sobre a infraestrutura verde da área metropolitana da Coruña, onde destacou que “Galicia adiántase así a un futuro requirimento europeo e nacional e é das poucas comunidades autónomas que deron pasos nese sentido”.

Salientou que este encontro representa a xornada de lanzamento para o proceso de participación pública, que se levará a cabo de xeito simultáneo ao desenvolvemento dos traballos técnicos, no que queda de ano e no 2018.

Explicou que se trata dun proxecto no que están implicadas dúas universidades galegas (a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña) e na que se invisten 320.000 euros. O traballo organízase en cinco grupos de investigación para abordar distintos eidos, como a planificación de espazos naturais (IBADER), a planificación rural (Laboratorio do Territorio), o desenvolvemento socioeconómico e territorial (IDEGA), a planificación de infraestruturas civís (CartoLab) e o urbanismo (departamento de proxectos arquitectónicos e urbanismo).

Mato Otero lembrou que a Comisión Europea está a desenvolver unha estratexia para unha Infraestrutura Verde Europea e que a define como un concepto que integra a convectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático.

En definitiva- precisou- a finalidade é crear unha rede interconectada de espazos verdes e outros elementos ambientais; é dicir, unha ferramenta de eficacia probada que aporta tres tipos de beneficios: ecolóxicos, coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático, a redución do risco de desastres naturais..; sociais, como a provisión de espazos atractivos para o ocio e o turismo; e económicos, coa xeración de emprego, o incremento do prezo das propiedades e a redución dos custes por danos.

Experiencia piloto

A conselleira de Medio Ambiente recordou que, de xeito paralelo, o Instituto de Estudos do Territorio traballa na Infraestrutura Verde da Área Metropolitana da Coruña, en colaboración coa Escola Galega da Paisaxe e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e que estará aberto á participación cidadá.

Reiterou que a xornada inaugurada esta mañá é o punto de partida do proceso de participación pública, que se levará a cabo de xeito simultáneo ao desenvolvemento dos traballos técnicos, no que queda de ano e no 2018.

O obxectivo é contar coa opinión da cidadanía no seu deseño a través de talleres participativos, reunións, entrevistas con axentes locais e a difusión de material divulgativo relativo a este proxecto, que estará rematado en decembro de 2018.

Mato Otero destacou que ambos proxectos permitirán reforzar a estrutura ecolóxica básica de Galicia mediante a definición dunha rede de zonas naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade e proporcionar servizos ecosistémicos

2017/10/27: O deseño da primeira infraestrutura verde de Galicia será unha realidade a finais de 2018
Compartir
 
Voltar