Xoves, 26 de Outubro de 2017

2017/10/26: A conservación do patrimonio natural e a loita contra o cambio climático serán materias prioritarias nas contas de Medio Ambiente

As contas de 2018 da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio fixan como materias prioritarias a conservación do patrimonio natural e a loita e mitigación do cambio climático na Comunidade galega. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, compareceu esta tarde para dar conta dos retos do departamento que dirixe, que xestionará 283,7 millóns de euros, un 3,3% máis respecto do anterior exercicio. Indicou que este orzamento tamén permitirá dar cumprimento aos compromisos coa mellora da calidade das rías galegas e darase un novo pulo á paisaxe galega, que irá acompañada dunha mellor ordenación territorial.

Deste xeito, a responsable de Medio Ambiente detallou os principais eixos das contas do seu departamento, entre os que destacou o esforzo en materia lexislativa desta Consellería, que permitirá durante o vindeiro exercicio a aprobación da Lei de Patrimonio Natural e o inicio da tramitación da Lei de Ordenación do Territorio e dunha nova Lei de Residuos de Galicia.

Lei de patrimonio natural


A protección, a conservación e a posta en valor do rico patrimonio natural da Comunidade e de todos os seus ecosistemas convértese nun dos retos ineludibles deste departamento para o exercicio do 2018, cando, segundo avanzou a responsable, co obxectivo de que esta nova Lei de Patrimonio Natural poida entrar no primeiro período de sesións do 2018. O seu obxectivo é a actualización do marco normativo que rexe a conservación e a protección do patrimonio desde un punto de vista transversal e a consolidación da preservación da riqueza e a biodiversidade como prioridade.

A conselleira Beatriz Mato concluíu que “o patrimonio natural é a mellor carta de presentación que ten Galicia e por iso imos apoiala e protexela, combinando a preservación coa promoción dun turismo de natureza sostible”.

Protección na rede parques naturais e Illas Atlánticas


Indicou que unha das xoias de maior riqueza natural son os parques galegos, que cada vez máis son un referente dun turismo de natureza sostible. Por iso, segundo avanzou a titular do departamento autonómico, “traballaremos na rede dos seis parques naturais cos que conta Galicia, pero no 2018 faremos unha especial aposta polo Parque Nacional das Illas Atlánticas”.

De feito, incrementouse o orzamento específico nun 40 por cento (1,2 M€ fronte aos 900.000 euros do 2017) para darlle o impulso definitivo á súa candidatura a Patrimonio da Humanidade e adoptar novas medidas de control que revertan no dobre obxectivo de protección natural e seguridade e poñan fin a situacións coma as vividas este verán, cando se excedeu por parte das navieiras o cupo de visitantes establecido para este espazo.

Así, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio anunciou que a partir da vindeira Semana Santa estará operativa unha modificación do sistema actual de emisión de autorizacións de acceso ao parque.

Ademais das medidas de control, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ultima o documento base do Plan Reitor de Usos e Xestión, que será presentado nos vindeiros días aos colectivos implicados co fin de acadar o maior consenso posible para que sexa un plan respectado por todos.

 

Fomento das especies autóctonas

Outra das novidades para o 2018 é a posta en marcha dunha nova orde axudas para dar apoio aos compromisos silvoambientais, climáticos e de conservación dos nosos bosques. Paralelamente, continuarase coa loita para a erradicación das especies exóticas invasoras, que supoñen unha grave ameaza ás nosas especies autóctonas e disporase unha partida de case 750.000 euros para a realización de estudos, plans de especies e campañas de sensibilización.

Aposta pola paisaxe e ordenación sustentable


Tamén, a titular do departamento destacou a importancia da defensa e coidado da paisaxe e o fomento dunha ordenación sostible como indicadores do grao de desenvolvemento dunha sociedade. Sinalou que “unha paisaxe ordenada e de calidade incide directamente sobre unha comunidade desde o punto de vista económico, turístico, ambiental, cultural e social, xa que nos define como territorio”.

Por iso, un exercicio máis a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio reforzará as contas do Instituto de Estudos do Territorio co obxectivo de seguir impulsando a gobernanza da paisaxe. Deste xeito, o IET disporá dun orzamento superior aos 3 millóns de euros, o que supón un 16,6 por cento máis con respecto ao pasado exercicio.

O primeiro paso será a aprobación das Directrices da Paisaxe, que constituirán, xunto co Catálogo e o Atlas das Paisaxes de Galicia, a ferramenta de referencia para acadar a axeitada gobernanza nesta materia. Ademais, vimos de presentar a Guía de Cores e elaboraremos outras de boas prácticas para a integración paisaxística no sector forestal e nas actividades mineiras e extractivas.

Igualmente, deseñarase a Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico de Galicia e promoveranse os primeiros pactos pola paisaxe entre a Administración autonómica, os concellos e os axentes socioeconómicos dun determinado territorio. Este pacto suporá unha mostra pública de compromiso sobre principios e accións concretas que redunden na protección, xestión e ordenación da paisaxe.

Loita contra o cambio climático a través da economía circular


Outra das novidades das contas de Medio Ambiente para o 2018 é a posta en marcha dunha plataforma para a promoción e coordinación do Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía en Galicia, co que a Xunta será promotora e coordinadora na Comunidade deste pacto, impulsado pola Comisión Europea, e a través do cal os municipios participantes asumen os obxectivos europeos para 2030 en materia de clima e enerxía e adoptan un enfoque integral para a atenuación do cambio climático e a adaptación a este fenómeno.

Beatriz Mato argumentou que o ano 2018 será “un antes e despois” na loita contra o cambio climático en Galicia, coa presentación a mediados do ano do borrador da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2015, un documento ambicioso e multidisciplinar que marcará a folla de ruta nesta materia; e coa continuación dos traballos na Estratexia Galega de Sustentabiliade, coa que se definirá o camiño a seguir e marcará as pautas para a sociedade, os axentes produtivos e a propia Administración. Adiantou que as previsións serán presentar o borrador no primeiro semestre do ano e estará centrada en crear unha economía baixa en carbono, eficiente e sustentable e no uso dos recursos. Centrarase en tres focos diferenciados de actuación: a redución do uso de plásticos en Galicia,a implantación das boas prácticas sustentables na Administración e a aposta por unha contratación pública sustentable.

Outro dos retos que asume a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que no 2018 xestionará case 21 millóns de euros, será o deseño dun plan de adaptación das costas galegas ao cambio climático, no que se investirán 200.000 euros.

Igualmente, a loita contra o cambio climático pasa por unha mellor xestión dos residuos, como principal expoñente da economía circular, chamada a ser o modelo do futuro e pola que o Goberno aposta firmemente. Neste senso, a futura Estratexia Galega de Economía Circular, en cuxa redacción xa están a traballar as 3 universidades galegas, empeza a tomar forma e, no vindeiro mes de novembro, Galicia situarase no epicentro do debate sobre esta materia ao reunir aos principais expertos tanto nacionais como internacionais no Congreso de Economía Circular.

Todos estes esforzos serviron para liderar, xunto con Valencia e Cataluña, o grupo de traballo de economía circular e fondos europeos da Rede de Autoridades Ambientais do Mapama.


Do mesmo xeito, a conselleira manifestou que a xestión de residuos en Galicia está directamente relacionada con Sogama, que para cumprir cos seus obxectivos incrementa nun 5% os seus orzamentos superando os 100 millóns de euros. Un dos fitos principais do complexo medio ambiental en 2018 pasarán por poñer en marcha a planta de compostaxe do vertedoiro de Areosa.

Colaboración cos concellos para unha Galicia máis sustentable


Tal e como explicou a conselleira, o saneamento das rías e a mellor xestión dos recursos hídricos segue a ser unha das prioridades do seu departamento. Para acadar dito obxectivo, as contas de Augas de Galicia volven a superar os 100 millóns de euros, dos que unha boa parte estarán destinados á posta en marcha de novas infraestruturas hidráulicas, que suman un importe de mais de 51 millóns de euros.

Os principais investimentos concéntranse na ría de Pontevedra, con actuacións por un importe de 4,4 millóns de euros, aos que se suman os 3,7 para continuar coas obras de mellora da estación de bombeo e do colector xeral de Marín e á nova depuradora de Poio (6 M€); na ría de Arousa, grazas os 4,4 millóns de euros para as obras de ampliación da Edar de Rianxo; e na de Ferrol, co inicio das obras do saneamento da Malata, ás que hai que sumar a mellora do saneamento en Cabanas e Pontedeume (1,2M€).

As contas de 2018 tamén permitirán dar continuidade á mellora do saneamento da ría do Burgo, co remate do tanque de tormentas e a optimización dos bombeos do Temple e a Pasaxe; o remate do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, a folla de ruta para mellorar definitivamente o estado desta ría; e a modernización da rede de saneamento de Boiro, que redundará na mellora da Ría de Arousa. Tamén destaca unha partida de 600.000 euros para o inicio da execución da nova Edar do Souto, en Santiago, da que pronto se asinará o convenio de colaboración.

Mato Otero indicou que este esforzo pretende conseguir que as augas en Galicia sexan cada vez de maior calidade e con maiores parámetros de control.

A conselleira declarou que unha colaboración permanente e sólida coas entidades locais é fundamental para a boa execución e aproveitamento dos recursos que melloren a calidade de vida dos galegos. Neste senso, o plan de humanización, urbanización e equipamento das vilas de Galicia (Plan hUrbe) é un claro exemplo das oportunidades que brinda o establecemento de colaboracións entre a Xunta e os concellos galegos, polo que no 2018 tamén se manterá esta liña de actuación, con 10 millóns de euros, un 28% máis de orzamento que en 2017, para obras en distintos municipios de Galicia.

2017/10/26: A conservación do patrimonio natural e a loita contra o cambio climático serán materias prioritarias nas contas de Medio Ambiente
Compartir
 
Voltar