Venres, 20 de Abril de 2018

2018/04/20: Os concellos galegos xa poden solicitar as axudas para a protección e coidado de animais abandonados

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou esta mañá que os concellos galegos xa poden solicitar as axudas para as actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia, despois de que o Diario Oficial de Galicia publicara a orde de subvencións para aquelas actuacións destinadas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas no artigo 26 da nova Lei.

A conselleira de Medio Ambiente inaugurou a xornada Un novo réxime de benestar animal en Galicia, organizada pola Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, onde aclarou que a orde destina un orzamento de 100.000 euros para sufragar os custe de esterilización cirúrxica dos animais coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e a promoción da súa adopción, por exemplo- así como a identificación dos animais mediante a implantación de microchip, correspondente inscrición no Regiac e expedición de pasaporte sanitario.

Recordou que as corporacións locais que poderán ser beneficiarias son as que presten o servizo de recollida e xestión de colonias felinas por si mesmas ou asociadas, ou ben aquelas que presten servizo de recollida e xestión de colonias felinas mediante un acorde de colaboración con outras administracións públicas ou entidades.

A  Conselleira manifestou que todo novo texto lexislativo precisa dun período de adaptación para a súa implantación, polo que é de gran importancia divulgar e difundir- a través de encontros como o celebrado esta mañá- o contido da mesma, os cambios e as novidades que incorpora o novo texto con respecto á normativa anterior, que levaba máis de 20 anos sen ser actualizada.

Defendeu que a nova lei vén a dar resposta a un sentir maioritario na sociedade, cada vez máis sensibilizada coa necesidade de protexer os animais; tal e como demostra o incremento das altas no Regiac (Rexistro galego de identificación de animais de compañía), que entre xaneiro e abril deste ano contabilizou máis de 28.000 altas, fronte ás case 10.350 altas rexistradas no mesmo período de 2017, é dicir, coa entrada en vigor da Lei de benestar animal este rexistro experimentou un incremento dun 172%. Sinalou que estes datos están en constante evolución, e na actualidade xa é un colectivo con máis de 500.000 inscritos, dos que unha porcentxe moi elevada con cans.

Triplo obxectivo

A conselleira reiterou que a Xunta de Galicia pretende coa esta Lei de protección de animais de compañía situar á comunidade galega no avance cara ao sacrificio cero e cara unha rexión libre de maltrato; así como loitar contra o abandono e fomentar a concienciación da sociedade galega polo benestar animal.

Manifestou que se actuará con contundencia nos casos de maltrato animal, non só naqueles centrados no concepto de maltrato como a violencia exercida sobre animais, senón que se terán en conta tamén as condicións hixiénicas e sanitarias nas que viven.

Indicou que a lei, tamén promociona a adopción, se elaborou coa máxima da transparencia e colaboración pública; porque só deste xeito colaborativo se conseguirá que a lei cumpra o seu obxectivo de perdurabilidade a longo prazo.
2018/04/20: Os concellos galegos xa poden solicitar as axudas para a protección e coidado de animais abandonados
Compartir
 
Voltar