Xoves, 27 de Decembro de 2018

2818/12/27: Declaración do BIC da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra

A Xunta de Galicia declara BIC a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, paso previo para que poida optar a Patrimonio Mundial da Unesco

Noticias Xunta de Galicia:
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto polo que se declara BIC (Ben de Interese Cultural) a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, paso previo para que poida optar a Patrimonio Mundial da Unesco. Feijóo asevera que queda así acreditado o seu carácter sobranceiro e garantido o máximo nivel de protección para este ben, cuxa extensión acada arredor de 180 quilómetros cadrados.

Ao longo da súa intervención, Feijóo precisou que a Xunta logrou reducir de dous a un ano o prazo de tramitación. E, durante o proceso, ademais de ambos informes da Real Academia de Belas Artes e do Consello da Cultura Galega, recibíronse 29 alegacións, das cales 23 foron estimadas total ou parcialmente.

O titular do Executivo autonómico precisou que en virtude deste decreto queda establecido que a paisaxe cultural da Ribeira Sacra abrangue parte do territorio de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense en dúas zonas diferenciadas: a do BIC; e a de amortecemento. Ademais de incluír unha serie de bens individuais: os que gozan xa da máxima protección -70 Bens de Interese Cultural entre inmobles (58), mobles (3) e manifestacións do patrimonio inmaterial (9)-; 512 bens inmobles catalogados no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, é dicir, que se sitúan dentro da zona BIC e de amortecemento do ben que se declara polo presente decreto. E 634 bens inmobles de carácter sacro catalogados no conxunto do territorio da Ribeira Sacra -capelas, igrexas, ermidas, etc-, existentes nos 22 concellos representados desde o límite da Zona de Amortecemento ao límite do concello.

Así mesmo, o decreto establece un réxime de protección xeral dos bens integrantes da paisaxe cultural, que responde ao réxime legal xa existente e regula a zona de amortecemento. E outro específico para a paisaxe cultural, que requirirá autorización para actuacións maiores como novas construcións, infraestruturas e instalacións, a reconstrución de inmobles derruídos, a modificación da estrutura tradicional en grandes superficies de terreo ou a construción de miradoiros e embarcadoiros novos.

Se ben, a normal actividade agrícola e a meirande parte das actuacións de mantemento e rehabilitación non precisarán de autorización.

Feijóo explicou que o decreto contén tamén a descrición dos valores xerais da paisaxe cultural. Así, analízanse cuestións como o valor da Ribeira Sacra como paisaxe cultural evolutiva; as características físicas do espazo natural; a ocupación histórica do territorio; a toponimia; a parroquia como unidade de estrutura do territorio; e aspectos concretos como os socalcos, as cavadas, a casa tradicional, as adegas e o patrimonio fluvial.

“Damos pois, hoxe, o paso previo para que a Ribeira Sacra poida optar á inclusión na lista do Patrimonio Mundial da Unesco”, incidiu, subliñando que, de acadarse este recoñecemento lograríase: unha maior atracción turística e desestacionalización da demanda; dotar de valor engadido aos produtos agroalimentarios e artesanais locais; e un impulso e desenvolvemento en termos económicos e de creación de emprego no rural.

Mais información: Xunta de Galicia

 
2818/12/27: Declaración do BIC da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra
Compartir
 
Voltar