Mércores, 15 de Maio de 2019

2019/05/15: O Concello de Ribadeo recupera a paisaxe da ría a través do LIFE FLUVIAL

Esta mañá comezaron os traballos de apeo de 4,5 ha de eucaliptais na marxe esquerda da Ría de Ribadeo. Estes terreos foron expropiados previamente polo Concello de Ribadeo, dentro da Rede Natura 2000 ao abeiro do proxecto LIFE FLUVIAL, coa finalidade de restauralos e devolver a naturalidade á Ría.


 
Os traballos comprenderán a eliminación das formacións dominadas por eucaliptos, que constitúen unha desnaturalización da paisaxe e unha mingua do estado de conservación dos ecosistemas naturais. Posteriormente, unha vez se realice a eliminación dos eucaliptais, o proxecto LIFE FLUVIAL realizará unha restauración dos hábitats naturais propios da ribeira da ría, mediante a plantación de especies autóctonas (carballos, loureiros, érbedos, abelairas, abruñeiros, pereiras bravas, mazairas silvestres, etc.). O material xenético será de procedencia local, para garantir a orixe da planta e evitar problemas de contaminación xenética.


 
A actuación de LIFE FLUVIAL está a ser modélica e exemplarizante, en canto a adecuación das obras á fraxilidade dos medios nos que se desenvolven. As actuacións que se están a realizar eliminan as presións e ameazas existentes sobre os hábitats, permitindo por tanto o restablecemento do seu estado de conservación favorable. Esto convirte a LIFE FLUVIAL nun proxecto altamente replicable, xa que o modelo de xestión proposto pode ser perfectamente exportado a outras áreas e ecosistemas de elevada fraxilidade onde realizar calquera actuación requira dun gran coidado, experiencia e habilidade para non afectar aos compoñentes naturais. Á súa vez esto provoca que o proxecto estea fortemente apoiado e participado polos axentes locais, como o Concello de Ribadeo, beneficiario asociado do proxecto.


O obxectivo xeral de LIFE FLUVIAL é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, o proxecto desenvolve unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte). A transnacionalidade é un dos aspectos fortes do proxecto, posto que este xorde como resultado da colaboración entre 8 organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal. O proxecto LIFE FLUVIAL LIFE16 NAT/ES/000771, "Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica" é coordinado pola Universidade de Oviedo, e conta cun orzamento de 3.032.223 €, dos cales a Comisión Europea concede un cofinanciamento do 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria LIFE outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto será de 48 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021.
 
2019/05/15: O Concello de Ribadeo recupera a paisaxe da ría a través do LIFE FLUVIAL
Compartir
 
Voltar