O proxecto LIFE BACCATA persegue a mellora do estado de conservación do hábitat 9580* en 15 ZEC da Cordilleira Cantábrica, actuando sobre os indicadores de estado de conservación do hábitat: área de ocupación, estrutura e funcións e perspectivas futuras. En Galicia, o proxecto actuará sobre 15 ha situadas no Monte Veciñal en Man Común (MVMC) de Riocereixa (Pedrafita do Cebreiro, Lugo), dentro da ZEC Os Ancares - O Courel (ES1120001), na superficie da cal se realizará a eliminación dun piñeiral de repoboación (Acción C2) e restaurarase o tipo de hábitat 9580* mediante unha plantación forestal coas súas especies características (Acción C3), de forma que se eliminarán afeccións sobre o tipo de hábitat e se aumentará a superficie ocupada por este, así como se mellorará a súa estrutura, composición e conectividade, redundando todo iso nunha mellora do seu estado de conservación.
Para realizar a plantación de especies forestais do hábitat 9580*, habida conta da condición de espazo Natura 2000, é indispensable o emprego de material forestal de reprodución (MFR) compatible co acervo xenético local. Para garantir tal compatibilidade, o proxecto formulou o emprego de MFR do mesmo MVMC de Riocereixa. A actuación consistiu na recolección no devandito MVMC de varetas e sementes das especies arbóreas características do hábitat 9580* de acordo ao
Manual de Hábitats de Galicia (
Taxus baccata, Quercus petraea, Fagus sylvatica, Betula pubescens, Sorbus aucuparia, Ilex aquifolium, Corylus avellana), para o seu posterior almacenamento, conservación e cultivo (Acción C1). Esta actuación foi executada polo IBADER da Universidade de Santiago de Compostela, contando con asistencia externa naquelas fases que o requiriran.
