Mércores, 31 de Xullo de 2019

2019/07/31: LIFE FLUVIAL participa nunha xornada de voluntariado ambiental en Guitiriz (Lugo)

O pasado día 29 de xullo o proxecto LIFE FLUVIAL participaba nunha xornada de voluntariado ambiental xunto ao Campo de Traballo "Da Auga e da Pedra", promovido polo Concello de Guitiriz e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social (Xunta de Galicia). O Campo de Traballo "Da Auga e da Pedra" está destinado á xuventude de idades comprendidas entre 18 e 30 anos. Na súa segunda edición de 2019, conta cun total de 8 inscritos, que proveñen de distintos puntos da xeografía española (Zamora, Cáceres, Madrid, etc.) e mesmo doutros estados membros da UE (Alemaña). Deste modo, configurouse un campo de traballo internacional, que participa activamente das actividades programadas polos 3 Técnicos expertos en medio ambiente, voluntariado e xestión de grupos no medio ambiente, da empresa Ribeirán.


A estratexia de difusión e divulgación de LIFE FLUVIAL permitiu o seu coñecemento á sociedade, xerando un interese naqueles sectores que atopan sinerxías coas actuacións concretas de conservación desenvolvidas por este proxecto. Deste modo, os organizadores do Campo de Traballo "Da Auga e da Pedra" poñíanse en contacto co IBADER do Campus Terra, na súa condición de beneficiario asociado de LIFE FLUVIAL, para a celebración dunha xornada de voluntariado ambiental enfocada na eliminación e control de especies invasoras en corredores fluviais, dado que esta é unha das principais estratexias de actuación de LIFE FLUVIAL.

Deste modo, o persoal de IBADER participou dunha intensa e interesante xornada xunto aos 8 inscritos no Campo de Traballo "Da Auga e da Pedra" e os 3 Técnicos en xestión de grupos no medio ambiente, realizando o control de especies invasoras, fundamentalmente de mimosa (Acacia dealbata), durante a mañá e boa parte da tarde. Os participantes contaron coas ferramentas e equipamentos necesarios: luvas, serróns de poda, tesoiras de corte e poda (de 1 man e 2 mans), etc.


As tarefas realizadas e as charlas mantidas co persoal de IBADER no campo permitiron sensibilizar e informar aos voluntarios do problema ambiental que supón na actualidade a invasión de taxóns vexetais alóctonos nas ribeiras fluviais, a dificultade para a súa erradicación e control, así como o intercambio de información acerca das técnicas máis sostibles para a súa retirada.


 
Xa ao final da tarde, o persoal de IBADER, xunto a voluntarios e técnicos, trasladouse ao tramo do río Parga na ZEC Parga-Ladra-Támoga (ES1120003) no que o beneficiario asociado TRAGSA de LIFE FLUVIAL executou parte da acción concreta de conservación C6, retirando especies invasoras, ameneiros mortos e restaurando con especies propias do bosque ripario. Esta visita permitiu trasladar aos voluntarios as mellores prácticas na restauración de corredores fluviais dentro de espazos Natura 2000, as dificultades atopadas, así como as medidas de precaución e cautela que han de ser tidas en conta nun ámbito de elevada fraxilidade como é o ecosistema fluvial.


 
A xornada resultou de gran proveito para ambas as dúas partes, xa que permitiu o intercambio de información sobre as mellores técnicas para a eliminación de especies exóticas invasoras, a sensibilización acerca do importante papel que para a conservación da biodiversidade posúen os corredores fluviais, e a concienciación do problema ambiental que supoñen as especies exóticas invasoras.

2019/07/31: LIFE FLUVIAL participa nunha xornada de voluntariado ambiental en Guitiriz (Lugo)
Compartir
 
Voltar