Luns, 21 de Outubro de 2019

2019/10/21: Celebrado o obradoiro de avaliación dos parques eólicos sobre as turbeiras de cobertor

Durante os días 18 e 19 de outubro, o IBADER do Campus Terra (Lugo) da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Escola de Ciencias Animais, Rurais e Medioambientais (School of Animal, Rural and Environmental Sciences) da Nottingham Trent University (NTU), desenvolveu un Obradoiro para analizar as distintas ferramentas dispoñibles na actualidade para avaliar o impacto ambiental que os parques eólicos causan sobre o estado de conservación das turbeiras de cobertor na Cordilleira Cantábrica, e nomeadamente nas Serras Setentrionais de Galicia. As turbeiras de cobertor son un tipo de hábitat cuxa conservación se considera prioritaria ao abeiro da DC 92/43/CEE, razón pola cal foi designado o Espazo Natura 2000 ZEC Serra do Xistral (ES1120015), nas Serras Setentrionais de Galicia.



O obradoiro celebrouse no marco das accións After-LIFE do LIFE TREMEDAL (LIFE11 NAT/ES/000707) "Humidais continentais do Norte da Península Ibérica: xestión restauración de turbeiras e medios higrófilos", do cal foi beneficiario asociado o IBADER do Campus Terra, desenvolvendo varias accións de restauración de hábitats turfófilos na ZEC Parga-Ladra-Támoga (ES1120003). O LIFE TREMEDAL, inda que xa rematado, continúa a xenerar actuacións para a conservación, xestión e sensibilización dos ecosistemas de turbeira de Galicia, con motivo das súas actuacións After-LIFE.




O obradoiro comprendeu unha primeira reunión o 18 de outubro no IBADER do Campus Terra de Lugo, onde os equipos de IBADER e NTU puideron compartir e intercambiar diferentes traballos e experiencias levados a cabo no ámbito das turbeiras de cobertor de Inglaterra, Euskadi, Cantabria e Galicia, chegando a propoñer novas metodoloxías e técnicas para avaliar o impacto ambiental que os parques eólicos causan sobre o estado de conservación das turbeiras de cobertor.



Tras a devandita reunión, o 19 de outubro os equipos que asistían ao obradoiro desplazáronse á ZEC Serra do Xistral (ES1120015), para poder facer unha interpretación directa en campo dos impactos que sofren as turbeiras de cobertor polos parques eólicos, e discutir in situ as metodoloxías máis axeitadas para a súa avaliación.



A viaxe serviu para constatar o elevado impacto que os parques eólicos, a través dos seus diferentes elementos (turbinas, subestacións, pistas, etc.), causan unha afección grave e negativa sobre o estado de conservación das turbeiras de cobertor do Xistral, en termos de redución de superficie abranguida dos tipos de hábitat, afección sobre a estrutura e composición específica dos mesmos, modificación do funcionamento hidrolóxico do sistema de turbeiras, aparición de áreas de erosión, perda de conectividade entre tipos de hábitat, diminución da permeabilidade para a migración e o intercambio xenético de especies silvestres, etc. Ademais, tamén se constatou a sinerxía entre os efectos causados polos parques eólicos cos orixinados por outras actividades, algunhas das cales se viron promovidas polo establecemento da intensa rede de pistas dos parques eólicos: repoboacións forestais con especies exóticas de rápido crecemento, pasteiros intensivos artificiais, extracción de turba, canteiras, etc.



Todas estas actividades antrópicas alteran de xeito activo e pasivo as condicións ecolóxicas das turbeiras de cobertor, derivando nunha importante ameaza para a conservación da súa biodiversidade e a loita pola mitigación fronte ao cambio climático derivado da acción humana, posto que áreas que funcionan como sumidoiros de carbono a longo prazo son transformadas  en fontes de emisión de carbono. 



A xornada rematou cunha visita á Praia de Arealonga (Foz), para ensinar aos asistentes un exemplo de paleoturbeira na cal se rexistra un período cronolóxico de máis de 50.000 anos, establecidos entre o Prewürm e o final do último estadial do Cuaternario.

2019/10/21: Celebrado o obradoiro de avaliación dos parques eólicos sobre as turbeiras de cobertor
Compartir
 
Voltar