Mércores, 30 de Setembro de 2020

2020/09/30: Progreso dos traballos de retirada de invasoras na Ría de Betanzos por LIFE FLUVIAL

Complementando ás actuacións de retirada de invasoras realizadas por LIFE FLUVIAL na provincia de Lugo dentro das cuncas dos ríos Eo e Miño, o proxecto atópase na actualidade realizando a eliminación de flora invasora na marxe esquerda do corredor fluvioestuarino da Ría de Betanzos (ZEC Betanzos-Mandeo ES1110007) con motivo da súa acción C4, dentro de terreos do municipio de Bergondo, coa finalidade da restauración dos hábitats naturais no devandito enclave.


 
Dende mediados da década de 1970 estes predios foron ocupados parcialmente por equipamentos recreativos e deportivos, que hai máis dunha década eran abandonados, permitindo posteriormente unha importante colonización de especies invasoras, fundamentalmente plumacho da pampa (Cortaderia selloana).
 


Na primeira fase dos traballos da acción C4 de LIFE FLUVIAL retiráronse 48 individuos de grandes dimensións de plumacho da pampa. Algún destes superaba os 900 kg de peso, o cal resulta revelador acerca da capacidade invasora do plumacho, e da dificultade da súa eliminación e posterior retirada, sobre todo tendo en conta que os individuos retirados posuían menos de 6 anos de idade. Isto redunda na necesidade do seu control periódico por parte dos organismos competentes na súa erradicación e monitoreo.
 


En total, nesta localidade LIFE FLUVIAL retirou máis de 40.000 Kg de biomasa de plumacho da pampa (Cortaderia selloana), que foi convenientemente retirada para o seu tratamento nun xestor de residuos autorizado. Acompañando aos plumachos foron retiradas outras especies de flora invasora que contribuían a causar unha afección negativa ao ecosistema fluvioestuarino: 40 pés de Populus x canadensis, 25 individuos de Tamarix gallica, 10 pés de Platanus x hybrida, 10 pés de Eucalyptus globulus, e máis de 1.000 metros cadrados ocupados por Crocosmia x crocosmiiflora.


 


LIFE FLUVIAL realiza a erradicación selectiva de especies de flora invasora sen empregar métodos de control químico dada a elevada fraxilidade e vulnerabilidade do medio fluvioestuarino da Ría de Betanzos na ZEC Betanzos-Mandeo (ES1110007). O proxecto posúe un elevado valor demostrativo e concienciador acerca dos métodos de control e erradicación de especies de flora invasora dentro de espazos de elevada fraxilidade dentro da Rede Natura 2000.
2020/09/30: Progreso dos traballos de retirada de invasoras na Ría de Betanzos por LIFE FLUVIAL
Compartir
 
Voltar