Luns, 26 de Outubro de 2020

2020/10/26: Progreso dos traballos de xestión sostible dos bosques higrófilos no Encoro de Cecebre por LIFE FLUVIAL

As especies exóticas invasoras constitúen un dos principais factores de ameaza que afectan á biodiversidade e ao medio ambiente no Planeta. A súa loita e erradicación formúlanse como un dos principais obxectivos na política ambiental tanto a nivel global, como nacional e rexional. En Galicia, o uso do territorio, unido ás características ambientais de determinadas áreas, determina que sexa un das áreas onde maior número de especies exóticas de plantas e animais se rexistran en Europa, detectándose efectos negativos da súa expansión sobre a poboación humana, como sobre os aproveitamentos socio-económicos e especialmente sobre o medio.



O proxecto LIFE FLUVIAL ten como obxectivo mellorar o estado de conservación dos corredores fluviais e humidais asociados a estes, actuando en distintas áreas de Galicia, Asturias e Portugal. Unha das accións comúns nestes territorios é a avaliación das especies exóticas invasoras e o seu control. Entre as especies obxecto de actuación atópanse dende herbáceas como o plumacho da pampa (Cortaderia selloana), cartucho (Zantedeschia aethiopica) ou crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora); especies arbustivas como hortensia (Hydrangea spp), sempreviva (Helichrysum petiolare); arbóreas como tamargueira (Tamarix spp.), acacias (Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Robinia pseudoacacia), eucaliptos (Eucalyptus spp.), chopo híbrido americano (Populus x canadensis), piñeiro de Monterrei (Pinus radiata), piñeiro negral (Pinus pinaster), freixo americano (Fraxinus americana), vimbieiras (Salix vimininalis, Salix fragilis), árbore das bolboretas (Buddleja davidii); enredadeiras como a vide (Vitis vinifera); canas como a cana de Castilla (Arundo donax) ou o bambú (Bambusa spp); e plantas acuáticas como a lentella americana (Lemna minuta). Todas estas especies expandíronse sobre os hábitats naturais e que nalgunhas áreas provocaron a redución ou desprazamento das especies autóctonas. A orixe destas especies é múltiple. Unhas responden a antigas plantas utilizadas nos agrosistemas tradicionais, que tras o cesamento destes se expandiron como acontece coas vimbieiras ou as canas (Salix viminalis, Salix fragilis, Arundo donax). Noutras trátase de especies de carácter forestal (acacias, eucaliptos, piñeiros, chopos). E finalmente existe un grande numero de especies exóticas invasoras que proveñen das áreas axardinadas (plumacho da pampa, hortensia, freixo americano, etc.).



Co paso do tempo algunhas especies exóticas invasoras apoderáronse da paisaxe galega, e tamén da percepción que teñen amplos sectores da poboación que as consideran como un compoñente xenuíno e identitario da súa natureza ("eucalipto do país", "pseudopuga mencia"), descoñecendo ou minimizando de que se tratan duns elementos que degradan a calidade e o funcionamento destes e que de non se controlar axeitadamente poden ter unha interferencia sobre o aproveitamento dos recursos e sobre a propia saúde das persoas.

 

O manexo destas especies exóticas invasoras lévase a cabo baixo protocolos deseñados e executada baixo a dirección de botánicos da Universidade de Santiago, Universidade de Oviedo e Universidade de Lisboa, sendo avaliados e autorizados pola propia Comisión Europea e finalmente polas autoridades ambientais de Galicia.



As actuacións na ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004), intentan contribuír a mitigar a expansión de especies exóticas invasoras en medios clave para a conservación da biodiversidade, actuando tanto sobre especies que lograron xa expandirse no espazo, buscando reducir os seus efectivos poboacionais, así como outras cuxa difusión é moito máis reducida pero non por iso menos preocupante. As técnicas de eliminación realízanse tras a identificación das distintas especies, actuando selectivamente, individuo a individuo, e sempre respectando a vexetación nativa. Os procesos de eliminación das especies exóticas realízanse manualmente, salvo para a retirada de grandes plantas, como as especies arbóreas ou os plumachos da pampa (Cortaderia selloana) que chegan a alcanzar máis de 900 kg de peso; nestes casos utilízanse medios mecánicos para a retirada dos fustes ou para o arranque dos plumeiros. En ningún caso LIFE FLUVIAL recorre ao uso de herbicidas, ao desenvolverse en espazos fráxiles da Rede Natura 2000 con ecosistemas de elevada vulnerabilidade e de carácter prioritario.



Tras a eliminación das especies exóticas invasoras, favorécese o desenvolvemento da vexetación nativa, ben de xeito natural, ou ben incorporando espécimes de especies nativas e de orixe local, de modo que o resultado previsto é o aumento da superficie ocupada polos hábitats dos corredores fluviais e os humidais asociados a estes, e en consecuencia, a mellora do seu estado de conservación, contribuíndo polo tanto aos obxectivos da Directiva Hábitat (DC 92/43/CEE), así como da Lei Estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade (Lei 42/2007) e a súa homóloga de carácter autonómico (Lei 5/2019).

2020/10/26: Progreso dos traballos de xestión sostible dos bosques higrófilos no Encoro de Cecebre por LIFE FLUVIAL
Compartir
 
Voltar