Obxectivo do curso: Dar unha visión xeral, desde diferentes aspectos, sobre os soutos de castiñeiros en xeral e os do Courel, incluídos como hábitats a protexer no marco da Rede Natura 2000, en particular. Afondarase na súa importancia económica, ecolóxica, xenética, paisaxística e cultural, e nos perigos que os ameazan, coa intención de informar e sensibilizar acerca da importancia destes ecosistemas e o interese da súa conservación.
Entre os días 18 e 21 de xullo (2016) a Universidade de Santiago desenvolverá na Estación Científica do Courel (Seoane do Courel) o curso de verán ‘Os soutos de castiñeiros da Serra do Courel e a súa importancia económica, ecolóxica e cultural’ que dirixe o catedrático da EPS Antonio Rigueiro. O prazo para matricularse remata o 8 de xullo.
Nos catro días do encontro, que comezará cun relatorio de Rigueiro sobre os castiñeiros senlleiros de Galicia, profundarase de maneira exhaustiva nesa especie arbórea característica da zona. O souto como hábitat para os vertebrados, a súa orixe, a flora e vexetación, variedades e cultivares, técnicas de multiplicación, cogomelos, creación de soutos mansos novos, pragas e doenzas ou a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia son algún dos numerosos temas a tratar.
O día 19 resérvase para realizar unha visita a soutos do Courel e á empresa Caurelor de transformación e procesado de castañas. O desprazamento diario desde Lugo á Estación Científica poderá realizarse no autobús que disporá a organización do curso.