Na I Xornada de Turismo Científico participaron como poñentes Maite Vence Fernández de ObserverScienceTourism.com que afondou en como a ciencia cidadá constitúe un xeito diferente para practicar outro tipo de turismo, o científico. O Enxeñeiro de Montes e Investigador da USC, Gaspar Bernárdez Villegas, expuxo os recursos botánicos deste espazo natural, entre eles, as árbores senlleiras do Courel. O Veterinario e Investigador científico da USC, Julián Alonso explicou a importancia da micoloxía como recurso turístico e un membro da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Óscar Rivas López, abordou a recuperación do oso pardo nas montañas do Courel e Ancares. Pola súa banda, o Director da Estación Científica do Courel (USC), Antonio Regueiro destacou o papel que xoga a Estación Científica no modelo de Turismo Científico Ancares-Courel.
Co obxectivo de dinamizar esta contorna local con proxectos empresariais vinculados ao Turismo Científico, na sesión da tarde tivo lugar un obradoiro sobre creatividade e modelos de negocio dirixido especialmente a empresas turísticas interesadas en desenvolver a súa actividade nas montañas de Ancares e Courel, tales como; axencias de viaxe, hoteis, empresas de actividades, restaurantes e profesionais do sector. Nel presentáronse ferramentas para a creación de modelos de negocio asociados á dinamización do rural con exemplos de boas prácticas.