A micoloxía e as producións non madeireiras do monte centran a temática dunha xornada de carácter formativo e divulgativo que se desenvolverá este sábado, día 15 de outubro, nas instalacións da Estación Científica do Courel, e na que formalizaron a súa inscrición un total de 60 participantes procedentes das catro provincias galegas e tamén de Castela León.
O relatorio de María Rosa Mosquera Losada, profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, abrirá, tras un breve acto inaugural, a quenda de intervencións dun foro no que, de seguido, intervirá o enxeñeiro de Montes Abel Yáñez Armesto, quen guiará unha aproximación ao mundo da apicultura.
Unha sesión sobre plantas medicinais e aromáticas e outra relativa a froiteiras arbustivas, a cargo das tamén profesoras do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS, Rosa Romero e María Belén Díaz Hernández, respectivamente, completan a primeira parte do programa matinal desta xornada.
Os froitos e as sementes das árbores, os cogomelos comestibles e os cogomelos tóxicos son outras das cuestións que abordarán nesta xornada os profesores da USC Santiago Pereira Lorenzo e Antonio Rigueiro Rodríguez, ademais do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso. Xa en quenda de tarde, as persoas interesadas poderán participar nunha saída guiada ao monte para identificar e recoller cogomelos.
Esta xornada, que é de carácter gratuíto e está coordinada polos profesores da USC Antonio Rigueiro, María Rosa Mosquera e Xan Neira Seijo, contribúe a que a Estación Científica do Courel desenvolva, ademais dos cometidos de formación e divulgación científica propios dun centro universitario, a función de elemento de dinamización dunha contorna, como é o caso do Courel.