Banco de Datos

Holoceno Antigo (Fase Anatérmica): 11.700-8.000 cal. BP.



Tras o evento frío identificado como o Dryas Recente, a maior parte dos rexistros polínicos das montañas do NW Ibérico mostran unha recuperación dos bosques caducifolios que se inicia cara ao 12.000-11.800 cal. BP, con incrementos do pole arbóreo total que oscilan entre o 30-65%. (Fig. 10) Con todo nesas mesmas localidades pode apreciarse un descenso máis ou menos acusado das porcentaxes de Quercus durante o intervalo 11.400-11.200 cal. BP, que coincide con incrementos doutras formacións máis tolerantes ao frío (piñeirais, bidueirais, e herbais de Gramineae) e repuntes de vexetación crioxérica (formacións con Artemisia) nas localidades máis próximas ás áreas interiores da Península.
 
Esta dinámica xeneralizada suxire que o evento frío GH-11.2 descrito orixinalmente nas secuencias de xeo de Grenlandia (Walker et al. 1999) debeu ter unha incidencia máis ou menos acusada nos territorios do NW ibérico, cuxo efecto máis relevante seguramente consistiu na retardación da propagación dos bosques caducifolios, tanto nalgunhas áreas montañosas (en especial as máis setentrionais) como nos territorios máis próximos á Meseta Setentrional (Fig. 12).
Tras este episodio, a colonización arbórea do NW Ibérico renovouse, ata quedar xa consumada na totalidade do territorio galego no intervalo 9.800-8.800 cal. BP. Como consecuencia da melloría climática, os bosques caducifolios (especialmente carballeiras, pero tamén bosques mixtos, abeledos, bidueirais) completaron a súa expansión, relegando ás formacións de coníferas a uns poucos núcleos montañosos das zonas oriental e meridional de Galicia (Muñoz Sobrino et al. 2007). Excepcionalmente, as particulares condicións mesoclimáticas das montañas sublitorais cantábricas (que foron  especialmente propicias para o desenvolvemento de turbeiras e comunidades arbustivas) limitaron o ascenso do límite arbóreo a un 700-600 m. Deste xeito, os breixeiras foron  un compoñente natural da paisaxe destes territorios, polo menos ao longo do Würm (Gómez-Orellana 2002) e o Holoceno (Ramil-Rego et al. 1998), o que lle confire un especial valor paisaxístico e ecolóxico (Izco & Ramil, 2001).
 
Unha última fluctuación climática equivalente ao GH-8.2 rexistrado no xeo de Grenlandia marca o final do Holoceno Inicial no NW Ibérico (Fig. 10). Só nas localidades máis sensibles pode apreciarse cambios relevantes nos espectros polínicos, cun significativo incremento dos taxons representativos de medios máis abertos (Gramineae) e en ocasións elementos arbóreos de carácter máis criófilo (Pinus, Betula). As secuencias máis próximas á costa, e en particular as correspondentes á montañas sublitorais do Cantábrico Occidental reflicten de forma especialmente nítida os efectos deste breve episodio frío (8.400-7.800 cal. BP), que en gran medida foi o resultado dos cambios que os episodios finais da deglaciación en Norte América (coa intrusión grandes cantidades de auga doce procedentes do desxeo) provocaron na circulación do Atlántico Norte (Birks & Koç, 2002).
 
O GH-8.2 xerou unha importante afección sobre o patrón de ocupación das poboacións de cazadores-recolectores. Na fase previas ao detrimento climático rexístranse en territorios montañosos da Serra do Xistral (Ramil-Rego, 1992) un importante número de cazadeiros e abrigos con ocupacións temporais que se distribúen entre os 650 e 800 metros. A medida que se evidencian os efectos do detrimento os abrigos situados a maior altitude quedan abandonados, mentres que nas áreas próximas ás zonas de ocupación produciríase unha importante deforestación. Coincidindo co período de maior detrimento climático rexístranse as últimas ocupacións paleolíticas na Serra, situadas todas elas por baixo dos 700 m de altitude. Coincidindo coa fase de recuperación das condicións climáticas e da cuberta vexetal non se rexistran xa ocupacións na Serra, non detectándose a presenza humana na mesma ata a chegada dos primeiros grupos neolíticos.
 
Tras este evento, as porcentaxes do pole arbóreo estabilízanse na práctica totalidade das secuencias do NW ibérico ao redor dos seus valores máximos do holoceno, o que pode interpretarse como unha evidencia de que a expansión arbórea queda así definitivamente completada (Fig. 10).